CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita por 200.000 euros as obras de mellora da contorna das vivendas do grupo escolar e da piscina de Vilardevós

Nas inmediacións dos inmobles procederase á limpeza e revexetación das zonas comúns e se reparará a pavimentación dos paseos que comunican as cinco vivendas

No caso da piscina, substituirase o circuíto hidráulico, impermeabilizarase o vaso e illarase a zona de baño infantil

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licita hoxe por 200.000 euros os contratos de obra para mellorar dous espazos do concello ourensán de Vilardevós.

Trátase da urbanización da contorna das vivendas do grupo escolar —por un importe de 90.000 e catro meses de execución— e da rehabilitación da piscina pública —110.000 euros e un mes de obra—.

O grupo escolar está formado por cinco vivendas, das cales tres foron rehabilitadas e están dispoñibles para ser habitadas; pero é preciso acometer a urbanización, xa que o ámbito se atopa en estado de abandono, con maleza abundante, e presenta dificultades de acceso, con escadas e muros.

Así, procederase á limpeza da contorna para liberar os terreos de maleza e vexetación e se reparará a pavimentación do paseos que comunican as vivendas. Farase unha actuación de revexetación, con sistema de rego automatizado, colocación de barandillas de protección e novo alumeado, cableado eléctrico e de telefonía.

Outro parta importante da actuación é a mellora da rede de abastecemento e saneamento, coa instalación de novas conducións para asegurar un servizo de calidade aos futuros veciños.

Mellora da instalación deportiva pública

O concello de Vilardevós conta cunha piscina municipal pública construída hai 25 anos, que na actualidade presenta certas deficiencias, tanto no vaso como nas zonas pavimentadas que a rodean. Por esta razón, Xunta de Galicia colabora coa adecuación e coa creación dunha área de lecer.

As obras consistirán na substitución do circuíto hidráulico, para evitar fugas, na reparación da plaqueta e impermeabilización do vaso, así como illar a zona de baño infantil, por motivos de seguridade. Tamén se mellorarán os espazos verdes, coa adecuación do terreo, instalacións de céspede e de rego automático e de mobiliario urbano.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es