CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica por case 70.000 euros a mellora da contorna das vivendas do grupo escolar de Vilardevós

Nas inmediacións dos cinco inmobles xa rehabilitados procederase á limpeza e revexetación das zonas comúns, repararase o pavimento dos paseos que conectan as vivendas e instalaranse novas conducións na rede de abastecemento e saneamento

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por preto de 70.000 euros —concretamente, 69.614,93 euros— o contrato de obra para mellorar a contorna do antigo grupo de vivendas de mestres do concello ourensán de Vilardevós.

Cun prazo de execución de catro meses, os traballos consistirán na urbanización da zona que rodea o mencionado grupo escolar, conformado por un total de cinco vivendas, das cales tres xa foron rehabilitadas e están dispoñibles para vivir.

O obxecto desta actuación, cofinanciada nun 70% pola Xunta e nun 30% polo Concello de Vilardevós, é urbanizar este ámbito, que se atopa actualmente en estado de abandono, con maleza abundante e dificultades para o acceso, con escadas e muros.

Así, procederase á limpeza da contorna para liberar os terreos de vexetación e repararase a pavimentación dos paseos que comunican as vivendas. Farase, ademais, unha actuación de revexetación, con sistema de rego automatizado, colocación de varandas de protección e novo alumeado, cableado eléctrico e de telefonía.

Outra parte importante da obra adxudicada consistirá na mellora da rede de abastecemento e saneamento de augas, coa instalación de novas conducións para asegurar un servizo de calidade aos futuros veciños.

Cómpre lembrar que estes traballos executaranse ao abeiro do convenio de colaboración asinado o pasado mes de xullo entre a Consellería e o Concello de Vilardevós no marco do chamado Plan Hurbe, un programa de apoio ás entidades locais impulsado pola Xunta en 2010 para executar proxectos urbanísticos destinados á creación ou mellora de equipamentos municipais e á humanización e urbanización de espazos e infraestruturas de uso público.

Grazas a esta iniciativa, o Goberno galego colaborou ata o ano 2020 no financiamento de máis de 300 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, cun investimento global de case 150 millóns de euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es