CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta colaborará coas empresas do sector para afondar na rehabilitación de vivendas

Heriberto García traslada información sobre as diferentes liñas de axudas para a recuperación de inmobles que impulsa o Goberno galego

Os representantes de Federgal presentaron ao director xeral do IGVS a nova organización

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2021.- A Xunta de Galicia colaborará coas firmas representadas pola nova Federación de asociacións de empresas da reforma e rehabilitación de Galicia (Federgal) co fin de afondar na recuperación dos inmobles da Comunidade.

Este compromiso foi anunciado polo director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, na reunión celebrada hoxe cos representantes de Federgal, encabezados polo seu presidente, Agustín Moreira, xunto co secretario, Antonio Heredero, e os presidentes da Asociación de Empresas de Cerramento (Acegal) e da Asociación Galega de Construción (Agalco), Miguel Ángel Bernárdez e Salvador García.

Na reunión, na que os representantes presentaron a nova organización, o director xeral do IGVS explicou as diferentes liñas de axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios que ofrece a Xunta de Galicia, e que os membros de Federgal poden difundir e comunicar aos seu clientes e potenciais beneficiarios das mesmas.

Así mesmo, Heriberto García reafirmou o firme compromiso da Xunta coa recuperación de vivendas, tanto a través de actuacións directas do IGVS, co programa Rexurbe, como a través das axudas para rehabilitación destinadas a particulares, comunidades de propietarios e concellos.

Por último, o director xeral do IGVS tamén trasladou aos directivos de Federgal información sobre as distintas liñas de actuación incluídas nos fondos europeos destinados a vivenda, en cuxa execución terán parte as empresas do sector da rehabilitación, coas que a Xunta buscará canles de colaboración cuxo primeiro fito foi a reunión celebrada esta mañá.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es