CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Axenda Urbana Galega que se debuxou na Lei de ordenación do territorio culminarase coa aprobación da nova Lei de arquitectura

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, defende en Copenhague a aposta da Xunta por incorporar ás súas políticas unha serie de obxectivos estratéxicos para o desenvolvemento territorial sostible de Galicia

Durante a súa visita á capital danesa, convidada pola Embaixada española deste país para falar de eficiencia enerxética e modelos de construción innovadores, a responsable galega visitou a base de solucións construtivas sostibles BloxHub así como varios edificios residenciais que foron obxecto de actuacións de rehabilitación

Copenhague (Dinamarca), 22 de novembro de 2021.- Tras a entrada en vigor este ano da Lei de ordenación do territorio de Galicia, que incorpora os principios e fins básicos a seguir á hora de abordar as políticas que inciden na planificación territorial, a Xunta vai completar o deseño da súa Axenda Urbana en clave autonómica a través da futura Lei de arquitectura, actualmente en fase de información pública.

Así o anunciou hoxe desde Copenhague a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que aproveitou a súa presenza nunha das cidades máis sostibles do mundo para expoñer como afronta Galicia o reto de cumprir cos principais obxectivos fixados a nivel internacional nesta materia.

A conselleira, acompañada da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, chegou onte a Copenhague en representación da Xunta e xunto a un grupo de institucións españolas convidadas pola Embaixada de Dinamarca co fin de intercambiar experiencias en materia de eficiencia enerxética, modelos de construción sostibles e resilientes e aplicación dos obxectivos da chamada Axenda Urbana.

Neste sentido, cómpre lembrar que nos últimos anos moitos países e rexións europeas teñen implementado unha política urbana propia que sirva como folla de ruta a seguir para orientar as decisións que inciden no desenvolvemento territorial e urbano dos seus respectivos territorios, co reto de facer dos pobos e cidades lugares máis harmónicos, sostibles e acolledores.

No caso galego, explicou, a Xunta decidiu incorporar os obxectivos que se marcan a Axenda Urbana Española e a propia Axenda para o Desenvolvemento Sostible 2030 na nova Lei galega de ordenación do territorio, co fin de outorgarlle rango normativo ás políticas e accións destinadas a favorecer un uso racional e equilibrado do territorio.

Así, os 10 obxectivos estratéxicos que se marca Galicia neste sentido pasan por ordenar o territorio e facer un uso racional do solo; evitar a dispersión urbana; prever e reducir os impactos do cambio climático; impulsar a economía circular; favorecer a mobilidade sostible; fomentar a cohesión social; impulsar a economía urbana; garantir o acceso á vivenda; liderar a innovación dixital; e mellorar a gobernanza.

Neste sentido, a conselleira sinalou tamén que a futura Lei de arquitectura de Galicia será outra ferramenta lexislativa máis para acadar estes obxectivos estratéxicos, aliñados cos retos da Axenda Urbana, tendo en conta que se trata dunha disciplina, segundo explicou, que redunda na calidade de vida das persoas e no principio de cohesión social, contribuíndo así ao desenvolvemento sostible do territorio.

Edificios emblemáticos e proxectos innovadores

Ao longo da mañá, a delegación española visitou varios edificios de interese desde o punto de vista da rehabilitación enerxética así como algún dos proxectos construtivos máis innovadores do país, encontros nos que estiveron acompañados por autoridades danesas así como por reputados arquitectos e urbanistas.

Así, a xornada empezou coa visita ao BloxHub, o laboratorio danés para abordar as solucións urbanas do futuro desde varias perspectivas —sociedades circulares, mobilidade urbana, habitabilidade e saúde, edificios sostibles, resiliencia, deseño, etc—, no que a conselleira asistiu a tres presentacións.

En concreto, o CEO de Ennogie, empresa danesa de teitos solares premiada en varias ocasións pola súa innovación e deseño punteiros, e a responsable da candidatura de Copenhague seleccionada pola Unesco como Capital Mundial da Arquitectura en 2023, ofreceron unha charla a todos os membros da delegación, que por último, tamén participaron nunha presentación sobre a New European Bauhaus, proxecto no que está implicada a Xunta de Galicia a través de varias Consellerías.

O programa desta mañá continuou con tres visitas ao barrio de Bellahøj, a 5 km do centro urbano e coñecido por albergar as Bellahøj Houses, un proxecto de vivendas funcionalista; ao edificio Osram, o primeiro prefabricado da capital, que foi rehabilitado recentemente; e á House of Green, unha sala de exposicións interactiva que reúne solucións integradas no eido da enerxía, a auga, o clima, os recursos e o medio ambiente.

Esta tarde, está previsto que a delegación española se achegue ata o Ørsted Gardens, un proxecto que permitiu transformar un edificio ruinoso da década dos 60 nun inmoble de apartamentos e locais comerciais atractivo e plenamente integrado coa contorna, mellorando o entorno visual e social. A xornada rematará cunha cea con diferentes autoridades danesas e unha representación de empresarios do eido da construción e ligados ao sector da eficiencia enerxética.

Vídeo/s relacionados

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es