CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta destina 6,4 millóns de euros para impulsar en 2022 actuacións de posta en valor nas sete reservas de biosfera de Galicia

Esta campaña divulgativa, que visitará as sete cidades galegas, inicia o seu periplo en Lugo por ser a provincia galega que atesoura o maior número de reservas da biosfera, catro de sete

Ángeles Vázquez recorda que, coa declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, un 35% do territorio galego conta con este recoñecemento internacional

Lugo, 1 de decembro de 2021.- A Xunta destinará ao longo do vindeiro ano 6,4 millóns de euros ao impulso de actuacións para a posta en valor da riqueza natural das sete reservas da biosfera declaradas en Galicia.

Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a inauguración -que arranca en Lugo- dunha exposición itinerante sobre estes espazos de valor incalculable de Galicia, que suman unha superficie terrestre de máis dunha hectárea. A alcaldes de Lugo, Lara Méndez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, tamén asistiron a este acto.

Indicou que os recursos que se reservan para o 2022 permitan levar a cabo accións e proxectos para desenvolver o potencial das reservas da biosfera, que poñan no punto de mira a nivel mundial as excelencias naturais e paisaxísticas de Galicia. Detallou que un 50% do orzamento (3,2 M€) se destinará a axudas para os 86 concellos -incluídos nunha das sete reservas- e ás entidades sociais, ambientais e montes veciñais nestes municipios.

Tamén se establecerá unha orde de axudas de 1,85 M€ para os xestores das reservas As Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, Terras do Miño, Os Ancares lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá e a Área de Allariz.

Por último, a Xunta establece 1,3 M€ para promover actuacións nas tres reservas que xestiona directamente (Río Eo, Oscos e Terras de Burón, reserva transfronteiriza do Gerês-Xurés, e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel), co fin de levar a cabo actuacións para a creación de infraestruturas de uso público e, no caso da Ribeira Sacra, un plan de sinalización e visibilidade da última reserva declarada.

O coñecemento, como medida de protección

Con motivo do 50 aniversario da creación do programa Persoa e Biosfera (MAB), a Xunta levará ao centro das sete cidades galegas o valor e a riqueza natural das reservas da biosfera de Galicia. Trátase dunha exposición deseñada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), co que poñer en valor a natureza, cultura, a paisaxe, gastronomía e historias deste espazos, como medida de protección.

Así, con esta exposición itinerante, formada por nove paneis informativos, ponse o foco nos valores que atesouran as reservas (cultura, paisaxes, flora e fauna) e a importancia de apostar polo desenvolvemento sostible para facilitar a actividade económica e social de quen habita estes espazos.

Vázquez Mejuto indicou que a exposición arranca hoxe en Lugo e permanecerá ata o 6 de decembro, por que “esta provincia atesoura o maior número de reservas de Galicia” -catro de sete- que suman máis de 800.000 hectáreas; tras a recente declaración da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. En Lugo tamén se localiza a reserva do Río Eo, Oscos e Terras de Bourón (a única interautonómica, ao compartila con Asturias), a reserva Terras do Miño (a primeira en declararse en Galicia, no ano 2002) e a reserva Os Ancares lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Ángeles Vázquez defendeu que o patrimonio natural de Galicia é propiedade dos galegos, polo que con esta exposición tamén se quere incidir e trasladar esta pertenza. Así, a campaña -que arranca hoxe en Lugo- visitará a cidade de Ourense desde o 8 ao 11 de decembro, a Vigo chegará o 13 de decembro e saltará a Santiago de Compostela do 18 ao 21 de decembro, en Ferrol poderá visitarse desde o 23 ao 26 de decembro, na Coruña permanecerá a partir do 28 de decembro ata o 2 de xaneiro; e pechará o seu itinerario na cidade de Pontevedra, onde se poderá visitar en xaneiro.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es