CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Galicia rexistrou un mes de novembro moi seco e o segundo máis frío das últimas dúas décadas

O avance do último informe de MeteoGalicia conclúe que a temperatura media nas estacións galegas máis representativas se situou 1,1º por debaixo do agardado

O mes caracterizouse por rexistrar escasas precipitacións e poucos días de chuvia, rematando cun déficit hídrico do 63% respecto ao período histórico de referencia

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021.- Galicia rexistrou un mes de novembro moi seco e frío, ata o punto de que a temperatura media obtida nas estacións máis representativas da Comunidade se situou 1,1º por debaixo do agardado, unha anomalía que permite caracterizar este período como o segundo máis frío das últimas dúas décadas.

Así consta no avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que subliña tamén que foi un mes con tres partes moi diferenciadas, marcado por un inicio no que predominaron os chuvascos e o tempo inestable, que deu paso a un período anticiclónico e sen grandes cambios de máis de dúas semanas, e rematando cunhas xornadas nas que a tónica foi a entrada de aire frío e vento do nordés con predominio das altas presións.

A característica máis salientable foi a temperatura, con mínimas consideradas moi frías e unha anomalía negativa das medias de 1,1º. O precedente máis próximo neste sentido foi novembro do ano 2008, cando os valores medios se situaron 1,64º por debaixo do habitual, o que converte ao pasado mes de novembro no segundo máis frío desde 2002.

Con carácter xeral, os termómetros marcaron rexistros baixos no conxunto de Galicia, aínda que os valores máis fríos concentráronse en localidades da Mariña oriental, A Fonsagrada e Os Ancares, onde a anomalía se achegou aos -2º. Os rexistros máis altos, neste sentido, acadáronse na Serra da Capelada e en municipios da comarca do Xallas, onde se moveron ao redor de 0,5º por riba do normal.

Menos chuvia e concentrada en poucas xornadas

No que respecta ás precipitacións, segundo os datos recollidos nas estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade, novembro foi un período moi seco en xeral, con chuvias concentradas nunhas poucas xornadas que coincidiron cos primeiros días do mes e co paso da borrasca Arwen, cara ao final, cunha precipitación media acumulada de 82 L/m2.

En comparación co período de referencia 1981-2010, novembro pechouse en Galicia cun déficit de precipitacións do 63% con respecto ao valor climático normal para esta época. Con todo, cómpre subliñar que tampouco foi un valor excepcional xa que en 2015 —o precedente máis próximo— choveu neste mesmo mes un 65% menos do que se considera habitual.

A tónica xeral no conxunto da Comunidade foi a escaseza de precipitacións, debido aos dous longos períodos anticiclónicos rexistrados durante a parte central do mes e tamén ao feito de que os episodios de chuvia viñeron asociados a entradas de aire frío procedente do norte.

Aínda así, houbo grandes contrastes entre os valores rexistrados no sur e o suroeste da Comunidade, onde a porcentaxe de chuvias foi un 80% inferior ao normal; e os da Mariña lucense, que nalgúns puntos rexistrou precipitacións que chegaron mesmo a duplicar os valores que se consideran normais para esta época.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es