CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta destinará 3 millóns de euros á retirada dos restos de lindano no lugar do Contrasto, no Porriño

Ángeles Vázquez e Alejandro Lorenzo coinciden na necesidade de que o Goberno central se implique tamén na solución do problema en Galicia, como fixo en Aragón

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2022.- A Xunta de Galicia investirá 3 millóns de euros nos traballos de retirada e descontaminación dos residuos de lindano no viario principal do lugar do Contrasto, no Porriño, unha obra que comezará este ano. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao novo alcalde pontevedrés, Alejandro Lorenzo, con quen mantivo esta semana unha reunión para abordar este e outros asuntos de interese para o municipio.

A conselleira explicou que con cargo aos orzamentos da Xunta deste ano xa se está actualizando o proxecto redactado en 2017 para intervir na pista municipal do Contrasto polo que estima que, tan pronto como se complete este paso, poderá iniciarse a tramitación do contrato para executar as correspondentes obras.

Este esforzo investidor sumarase ás outras xestións e iniciativas impulsadas polo Goberno autonómico para intervir ante a presenza deste material contaminante no Porriño. Así, recordou que o Goberno galego consignou nos últimos anos máis de 6,5 millóns de euros de fondos propios á posta en marcha de diversas actuacións para identificar e atallar a situación neste municipio, como o estudo da cela de seguridade ou o plan de investigación integral das zonas afectadas en todo o termo municipal porriñés.

Por iso, tras incidir en que a Xunta sempre apoiou ao Concello na busca dunha solución á presenza de lindano, a responsable autonómica e mais o rexedor coincidiron na necesidade de que o Goberno do Estado amose agora con Galicia un compromiso igual ao que xa demostrou coa Comunidade de Aragón para atallar este problema.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que o pasado 2 de novembro o Consello de Ministros aprobou a concesión dunha axuda directa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dun millón de euros para os traballos de control e vixilancia da contaminación de solos pola produción de lindano en Sabiñánigo (Huesca).

Por iso, considerou que Galicia e O Porriño merecen un trato similar xa que a situación provocada polo lindano “non debe ser asumida” en solitario pola Xunta.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es