CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta urxe un cambio de criterio por parte do Goberno central para evitar a desprotección das familias que viven de alugueiro en edificios da Sareb

Explica que a situación dos veciños do inmoble de Burela e que tamén se dá noutros municipios galegos está provocada pola negativa da Sareb a prorrogar os contratos

Lembra que o Goberno central é propietario de máis do 45% desta sociedade polo que ten a capacidade e a responsabilidade de buscar unha solución para os afectados

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2022.- A Xunta de Galicia empraza ao Goberno central a cambiar urxentemente de criterio con relación aos contratos de alugueiro en edificios propiedade da Sareb co fin de evitar situacións de desprotección e incerteza entre as familias arrendatarias.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, reuniuse esta mañá con representantes da sociedade pública para interesarse polo futuro de varios dos inmobles que ten alugados en Galicia e pedir información sobre a situación particular do edificio de Burela, no que o contrato de arrendamento vence o vindeiro mes de febreiro.

Neste caso concreto, lembrou que se trata dun inmoble cualificado como de protección autonómica ata o ano 2029, motivo polo que o Goberno galego velará polo cumprimento estrito das condicións que establece a normativa para este tipo de vivendas co fin de asegurar que se destinen a alugueiro ata a finalización deste período.

Pola súa parte, os representantes de Sareb recoñeceron que as vivendas, tal e como defende a Xunta, deberán continuar en réxime de alugueiro ata o fin da protección e se comprometeron a revisar todos os casos, de maneira individual, a próxima semana.

En todo caso, o director do IGVS subliñou que a situación dos inquilinos de Burela non é un caso illado senón que nos últimos meses tamén se fixeron públicos en municipios galegos como Ares, Narón ou Silleda conflitos xurdidos con inquilinos pola negativa da sociedade estatal a prorrogar a vixencia dos seus contratos de arrendamento.

De feito, Heriberto García incidiu en que é o Estado a administración que ten a capacidade e a responsabilidade de intervir, mediar e resolver de forma satisfactoria unha situación que preocupa a ducias de familias galegas que viven en edificios propiedade da Sareb.

Neste sentido, amosouse partidario de que haxa un “cambio de criterio” con relación a aqueles inmobles nos que hai persoas con contratos de alugueiro vixentes, ao tempo que incidiu en que, mentres isto non se produza, os inquilinos afectados deben dirixirse ao Goberno central para que inste á sociedade pública a revisar os procedementos de desaloxo que ten actualmente en marcha.

Así, lembrou que no borrador do Plan estatal de vivenda 2022-2025 —remitido á Xunta en xuño, pero aínda non aprobado— figuraba un novo programa para ofrecer vivendas propiedade da Sareb en réxime de alugueiro social, algo que considerou positivo para facilitar o acceso a unha vivenda a familias con poucos recursos pero do que, lamentou, “non se recibiron máis noticias”. “A realidade actual é totalmente contraria a esa proposta”, sinalou.

Na mesma liña, Heriberto García engadiu que Galicia foi unha das primeiras comunidades en establecer un convenio de colaboración coa Sareb para mobilizar o seu actual parque de vivendas para ofrecer unha solución habitacional a persoas con dificultades económicas.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es