CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ángeles Vázquez: “O Poder Xudicial dálle a razón á Xunta nas súas alegacións fronte ao proxecto de Lei de vivenda estatal”

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lembra que o Goberno galego xa advertira da inconstitucionalidade da futura normativa

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2022.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a decisión do pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) de frear o informe que validaba o anteproxecto da Lei de vivenda, un documento que o Goberno central tiña previsto aprobar o vindeiro martes.

Con este pronunciamento, tal e como subliñou a responsable autonómica, o órgano de goberno dos xuíces dálle a razón á Xunta nas alegacións presentadas no seu momento, nas que defendía que a futura Lei estatal é inconstitucional por invadir as competencias autonómicas na materia, atribuídas de forma exclusiva a Galicia tanto pola Constitución española como polo Estatuto de Autonomía.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que a través do referido anteproxecto o Goberno central pretende asumir “competencias das que carece”, ao querer regular de xeito unilateral, entre outros aspectos, a vivenda protexida, a xestión do parque público residencial de titularidade autonómica ou alterar os períodos de protección que afectarán a todo o parque público.

Por iso, subliñou a importancia da decisión do CXPX, que rexeitou esta mañá a proposta inicial de informe —favorable ao texto legal— ao considerar que o texto violaba as competencias autonómicas en temas de vivenda.

Cómpre lembrar que as alegacións presentadas polo Goberno galego tamén se referían aos cambios que recolle a norma estatal sobre a vivenda social en solo residencial, que afectarán á súa construción e venda, así como a que o establecemento de zonas tensionadas e limitar o alugueiro mensual non incentivará o mercado.

Ademais, a Xunta tamén rexeita que a través da Lei se admita a ocupación ilegal dos inmobles como unha forma de acceso preferente ao parque público residencial.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es