CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta concede 20.000 € ao concello de Oia para recuperar un conxunto tradicional no lugar da Riña

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver as solicitudes de 2022 das entidades locais á liña de axudas destinada a instaurar o ‘fermosismo‘

A actuación subvencionada en Oia consistirá en mellorar a imaxe dun conxunto integrado por 3 fontes e 1 lavadoiro

No conxunto de Galicia concedéronse un total de 52 incentivos a 42 municipios, esgotando o crédito de 8000.000 euros dispoñible para a convocatoria deste ano
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022.- A Xunta acaba de conceder unha axuda por un importe de 20.000 euros ao concello pontevedrés de Oia para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos e edificios municipais. Neste caso concreto, a actuación subvencionable centrarase nun conxunto tradicional integrado por 3 fontes e 1 lavadoiro.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de resolver as solicitudes de 2022 á liña de axudas destinada a instaurar o fermosismo en Galicia e dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes.

Cómpre lembrar que esta orde de subvencións —convocada en xaneiro por 600.000 euros e cuxo crédito acaba de ampliarse ata os 800.000 euros— recolle dúas liñas de actuación: unha para subvencionar obras coas que emendar o impacto negativo que causan sobre a contorna dependencias que acollen servizos municipais; e outra pensada para mellorar determinados tipo de equipamentos públicos propiedade dos concellos, con especial fincapé nos elementos etnográficos —fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros—.

No marco desta última convocatoria, o Concello de Oia recibirá 20.000 euros para actuar sobre un conxunto tradicional localizado no lugar da Riña, na parroquia de Santa María de Oia, integrado por 3 fontes e 1 lavadoiro e realizado maioritariamente en pedra granítica e muros de xunta seca. Os traballos consistirán na substitución da cuberta actual por outra de estrutura de madeira e cubrición de tella cerámica sobre placas de fibrocemento. Tamén se procederá á restitución de parte dos muros de pedra orixinais.

Todas as actuacións subvencionables, que poden acadar o 70% do custo estimado, deberán adaptarse aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia ou aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

No conxunto de Galicia, a Xunta concedeu 52 axudas a 42 concellos galegos —algúns recibiron unha subvención por cada liña—, por un importe global de 800.000 euros, esgotando o crédito consignado a esta orde de incentivos.

No caso da liña de axudas para particulares, a Consellería de Medio Ambiente ten previsto resolvela este mesmo mes, despois de acadar este ano as 2.000 solicitudes.

Segunda convocatoria das axudas

Cómpre lembrar que o ano pasado a primeira convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, tanto para particulares como para concellos, saldouse con máis de medio milleiro beneficiarios que recibiron subvencións por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir en 222 municipios galegos.

En vista do éxito da primeira convocatoria, a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es