CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta advirte de que o atraso do Goberno central no reparto dos 20 M€ polos danos do lobo fará difícil a súa execución por parte das comunidades

Nove meses despois de que se anunciaran estes fondos, Ángeles Vázquez lamenta que o Ministerio aínda non fixou os criterios para a súa territorialización, que xa non poderá facerse efectiva ata despois do verán

Tamén solicita ao Estado que aclare como vai investir os 82 M€ dos Fondos Next Generation que reservou para os espazos mariños protexidos de todo o país

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia advertiu hoxe das dificultades que terán as comunidades para poder executar en tempo e forma os 20 millóns de euros reservados este ano para paliar os danos do lobo, debido ao atraso que acumula o Goberno central á hora de repartir estes fondos territorialmente.

 

Durante a Conferencia sectorial de medio ambiente convocada esta mañá polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, interveu telematicamente para amosar a inquedanza da Xunta ante o feito de que a estas alturas do ano as comunidades aínda non saiban canto lles vai corresponder dos fondos consignados nos orzamentos estatais de 2022 para compensar aos gandeiros afectados polo lobo.

 

Nove meses despois de que o Ministerio comprometera publicamente estes fondos, a responsable autonómica lembrou que aínda non se fixaron os criterios de reparto para proceder á súa territorialización. De feito, tendo en conta que o reparto non se incluíu na orde do día da Conferencia sectorial de hoxe, lamentou que, en todo caso, este xa non poderá realizarse ata despois do verán.

 

Por iso, Ángeles Vázquez advertiu de que se o reparto dos 20 millóns de euros se atrasa ata o vindeiro outono “pode haber problemas de execución”, ao quedar tan pouca marxe de tempo para xestionar e executar os fondos asignados a cada Comunidade.

 

Así mesmo e con relación aos asuntos incluídos na orde do día da Conferencia sectorial, a responsable autonómica pediu ao Ministerio que aclare como vai investir os 82 millóns de euros do programa europeo Next Generation que se reservou para repartir entre os espazos mariños protexidos de todo o país, así como o detalle das actuacións de execución directa.

 

Ademais, Ángeles Vázquez tamén demandou que de cara á vindeira convocatoria dos fondos da Fundación Biodiversidade, se admita a inclusión de proxectos de municipios de menos de 50.000 habitantes, xa que coas bases actuais, lembrou, se lles impide a posibilidade de acceder aos mesmos para financiar iniciativas de calidade.

 

Por último, tamén se debateu sobre o novo regulamento interno da Conferencia sectorial de medio ambiente, un punto no que Galicia amosou a súa disconformidade ao entender que se limita a posibilidade de intervir das comunidades autónomas no seo da mesma. A súa aprobación, en todo caso, quedou adiada para unha próxima reunión.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es