CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta concede 4,82 M€ en axudas a 124 concellos e entidades locais para mellorar a xestión dos biorresiduos de orixe doméstica

Son gastos subvencionables a adquisición de contedores, caldeiros específicos para depositar a fracción orgánica nos fogares, composteiros, biotrituradoras, aireadores, termómetros e tamizadoras ou camións de recollida así como campañas informativas

Os incentivos poden chegar a cubrir ata o 90% do custo total da actuación, de xeito que a entidade beneficiaria deberá asumir o importe restante
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia concedeu un total de 4,82 millóns de euros en axudas a 124 entidades locais galegas para apoialas no impulso e financiamento de proxectos e actuacións relacionadas coa separación da materia orgánica de competencia municipal, os chamados biorresiduos domésticos.

Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, na que se detalla a relación de beneficiarios —concellos a título individual, deputacións e agrupacións ou mancomunidades— e o importe das axudas concedidas, financiadas con cargo aos fondos europeos do programa NextGenerationUE.
 
Cómpre lembrar que estes incentivos se convocaron a finais do ano pasado con dúas liñas de actuación diferenciadas: por unha banda, proxectos municipais de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada dos biorresiduos destinados a instalacións específicas para o seu tratamento biolóxico (compostaxe ou ben dixestión anaerobia); e por outra, iniciativas de separación e reciclado en orixe da materia orgánica a través da súa compostaxe in situ (doméstica ou comunitaria).
 
Neste sentido, entre os gastos subvencionados figuran a adquisición de contedores, caldeiros domésticos para biorresiduos, composteiros domésticos ou comunitarios, biotrituradoras, aireadores, termómetros e tamizadoras ou camións de recollida da fracción orgánica, así como para a posta en marcha de campañas informativas dirixidas á veciñanza para axudala a diferenciar onde e que residuos botar no contedor marrón.
 
Os incentivos outorgados pola Xunta poden chegar a cubrir ata o 90% do custo total da actuación, de xeito que a entidade local beneficiaria terá que asumir pola súa conta o importe restante.
 
Dos 124 concellos, deputacións e agrupacións locais que recibiron algunha destas axudas, a executar este ano ou tamén na anualidade 2023, a maior parte dos beneficiarios pertencen á provincia da Coruña, cun total de 53; outras 32 entidades son de Lugo; 28 de Pontevedra; e as 11 restantes son ourensás.
Así mesmo, cómpre subliñar que aquelas entidades locais que recibiron axudas para ambas liñas de actuación, poderán distribuír os fondos asignados da forma que mellor se adapte ás súas necesidades.

A Estratexia galega de biorresiduos

Aínda que a competencia da xestión dos residuos urbanos é municipal, o Goberno galego leva tempo traballando para acompañalos no camiño que permita cumprir co obxectivo fixado por Europa: implantar a recollida de biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023.

A tal fin, a Xunta deseñou a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, dotada con 60 millóns de euros destinados a habilitar incentivos e activar unha nova rede de infraestruturas para a valoración da materia orgánica que permita optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e impulsar a economía circular o eido local.
 
Nesta rede enmárcanse, precisamente, as 4 novas plantas de biorresiduos promovidas por Sogama —en Cerceda, a única que xa está en funcionamento, Cervo, Verín e Vilanova de Arousa— e outras 13 de transferencia, que implicarán a mobilización de 38,6 millóns de euros para conseguir que os concellos dispoñan dunha destas instalacións a menos de 50 km de distancia.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es