CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta comeza as obras de construción da senda fluvial de Dorrón cun investimento de 391.000€ e co obxectivo de rematalas este ano

O delegado territorial, Luis López, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o alcalde, Telmo Martín, asisten ao inicio dos traballos, na contorna do muíño da Costa, para a creación dun novo roteiro de 3,6 quilómetros da contorna da praia de Areas ao muíño de Xián

A actuación contempla rozas manuais e selectivas; eliminación de especies invasoras; muros de cachoterías; pasos de pedra e de madeira; pasarelas e varandas respectuosas coa contorna, e unha plataforma en saburra con 2 metros de anchura

“Comezamos unha actuación moi desexada polo Concello de Sanxenxo e pola veciñanza que ademais conxuga a posta en valor da enorme riqueza medioambiental desta zona coa configuración dun recurso turístico de primeiro nivel nun territorio que está considerado, de xeito merecido, como a capital turística do norte de España”, explicou o representante galego
 

Sanxenxo, 23 de xuño de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de comezar na xornada de hoxe as obras de construción da senda fluvial do río Dorrón, no Concello de Sanxenxo, cun investimento de 391.928 euros financiado cos fondos europeos NextGeneration EU e que se agarda que estea rematada a finais deste ano.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, acompañados polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, asistiron esta mañá ao inicio dos traballos, na contorna do muíño da Costa e nas inmediacións do lavadoiro de Outeiro.

Esta actuación consiste na creación dun roteiro de 3,6 quilómetros de lonxitude que parte das proximidades da praia de Areas para ascender pola ladeira deste lugar ata chegar ao muíño de Xián. Antes do comezo das obras na xornada de hoxe, a empresa Tragsa realizou, durante a última semana, os traballos previos de medición, marcaxe e delimitación da senda e tamén abordou cos propietarios afectados os espazos para o aprovisionamento de materiais e o paso da maquinaria.

“Comezamos unha actuación moi desexada polo Concello de Sanxenxo e pola veciñanza de Dorrón que ademais conxuga a posta en valor da enorme riqueza medioambiental desta zona fluvial coa configuración dun recurso turístico de primeiro nivel nun territorio que está considerado, de xeito merecido, como a capital turística do norte de España. Por elo, con proxectos coma este reforzamos a súa grande oferta e incrementamos os atractivos do destino máis demandado da nosa comunidade”, explicou o representante autonómico.

O proxecto contempla a roza manual e selectiva da vexetación, así como a eliminación de especies invasoras e alóctonas como a herba da Pampa, cana, xunco xigante ou orella de gato, mellorando deste xeito os hábitats fluviais.

Ao longo do trazado incluiranse actuacións como a construción de muros de cachotería, recuperación de pasos de pedra, pasos de madeira e pasarelas e varandas de madeira. Contará cun ancho aproximado de 2 metros con pavimento sobre saburra.

Ademais, o roteiro sinalizará os lugares de interese, así como o propio percorrido, a través dunha decena de paneis informativos e dúas unidades de carteleira con tellado. Isto realizarase tendo en conta o manual da Federación Galega de Montañismo para a súa posterior homologación. Algúns dos puntos que se recollerán na sinalética serán os muíños da Costa, de Felipe e de Quintáns, así como a igrexa de San Pedro de Bordóns, o lavadoiro de Outeiro, a igrexa de San Xoán de Dorrón ou o cruceiro de Quintáns.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es