CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta avanza que a partir deste venres xa se poderán pedir as axudas de 250 € do bono alugueiro mocidade

Ángeles Vázquez salienta que estas subvencións, cun orzamento de 22,8 M€ para este ano e o que vén, beneficiarán como mínimo a ao redor de 3.800 mozos galegos

Subliña o esforzo do Goberno galego por apoiar no pago do alugueiro a aqueles cidadáns e colectivos con máis dificultades á hora de manter a súa vivenda habitual

Neste sentido, a responsable autonómica anuncia que no mes de xullo está previsto convocar o bono de alugueiro social, co que a Xunta seguirá asumindo o 100% do custo do arrendamento de familias e persoas en situación de vulnerabilidade

A Xunta publicará tamén este ano por un orzamento de, como mínimo, 1,5 M€, unha liña de incentivos dirixida a mozos para comprar vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, da que se poderán beneficiar 7 municipios desta zona coruñesa
 

Noia (A Coruña), 27 de xuño de 2022

A Xunta de Galicia abrirá a partir deste venres, 1 de xullo, o prazo para poder solicitar as axudas de 250 euros ao mes do Bono de alugueiro mocidade, un programa que se convoca este ano por primeira vez e está dirixido a facilitar ao colectivo de entre 18 e 35 anos o pago da renda da súa vivenda habitual.

Así o explicou hoxe en Noia a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que percorre diferentes comarcas galegas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.
 
Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e ao redor dun cento de representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños de 11 concellos da zona de Barbanza, Muros e Noia, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará o seu departamento este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.
 
Neste sentido a responsable autonómica aproveitou a súa intervención para animar aos asistentes a aproveitar o orzamento dispoñible e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios e incidindo, sobre todo, naqueles programas de especial interese para esta comarca.
 
Ao respecto, referiuse á inminente convocatoria do novo Bono alugueiro mocidade, que sairá publicado no DOG este xoves e se poderá solicitar a partir do día seguinte. Cun orzamento total de 22,8 millóns de euros a dividir entre este ano e 2023, a conselleira explicou que os inquilinos menores de 36 anos, con ingresos regulares e que non superen os 24.318,84 euros poderán acceder a unha axuda mensual de 250 euros —sempre que esta contía non supere o importe do arrendamento— durante un período de 2 anos.
 

Tras enmarcar esta nova medida, coa que se espera chegar a ao redor de 3.800 mozos galegos, no esforzo da Xunta por apoiar no pago da súa renda de alugueiro a determinados cidadáns, Ángeles Vázquez subliñou que no mes de xullo tamén se convocará o bono de alugueiro social, un programa dirixido aos colectivos máis vulnerables da Comunidade e grazas ao cal o Goberno galego seguirá asumindo o 100% do custo do arrendamento das persoas beneficiarias.

Ademais, por primeira vez, explicou que se prevé a posibilidade de incrementar nun 20% o importe máximo da renda de alugueiro, e polo tanto, do bono —ata chegar aos 660 euros mensuais— cando a unidade de convivencia estea composta por 5 ou máis persoas. Tamén se aplicará esta mesma porcentaxe se un dos membros da unidade familiar precisa dunha vivenda adaptada.

Bo ritmo de solicitudes

Así mesmo, a conselleira incidiu na aposta realizada pola Xunta nos últimos anos en materia de rehabilitación de vivendas, outro dos apartados nos que en 2022 está previsto mobilizar un número importante de axudas directas e incentivos para apoiar a concellos e cidadáns no impulso de actuacións para a recuperación do patrimonio xa construído.

Por outra banda, fixo fincapé nun programa de especial relevancia para esta comarca coruñesa e dirixido tamén aos menores de 35 anos: os incentivos a persoas mozas para contribuír ao reto demográfico. Así, explicou que se trata dunha das liñas de apoio á adquisición de vivenda previstas para este ano e está pensada especificamente para concellos de menos de 10.000 habitantes, polo que poderán solicitarse en 7 dos 11 municipios da zona —A Pobra do Caramiñal, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Outes e Porto do Son— e en 72 no conxunto da provincia da Coruña.
 
Cun orzamento inicial de, como mínimo, 1,5 millóns de euros, a conselleira subliñou que unha vez se publique a convocatoria, os mozos que queiran comprar a súa vivenda habitual no rural, terán dereito a pedir unha axuda de ata 10.800 euros.
 

Guía informativa á disposición dos cidadáns

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de incentivos á vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial e a actividade construtiva de Noia e comarca.

Pola súa parte, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.
 
Así mesmo, durante o encontro tamén se informou aos asistentes de que teñen á súa disposición a nova Oficina de rehabilitación de vivenda da Xunta en Santiago, que ofrece atención tanto presencial como telefónica; e que está dispoñible en formato dixital unha guía informativa sobre os distintos programas de axudas específicos para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar neste enlace.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es