CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta invita a celebrar o Día mundial da árbore desfrutando dos exemplares singulares de Galicia, elementos excepcionais do noso patrimonio natural

A Comunidade conta na actualidade con 182 elementos de ata 79 especies diferentes, situados tanto no medio natural como en pazos, xardíns ou parques

Desde o ano 2020, o Goberno galego destinou 235.000 euros á conservación e protección destes exemplares
 

Padrón (A Coruña), 28 de xuño de 2022 A Xunta invitou hoxe á cidadanía a celebrar o Día mundial da árbore desfrutando das formacións senlleiras de Galicia, pezas excepcionais do patrimonio natural da nosa Comunidade, que conta na actualidade con 182 elementos de ata 79 especies diferentes, situados tanto no medio natural como en pazos, xardíns ou parques.

 

“Este ano, quixemos celebrar esta xornada non só con plantacións, senón tamén desfrutando das árbores que levan moitos anos plantadas”, destacou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

De feito, para poder coñecer en profundidade as características de cada exemplar, a Xunta vén de editar o libro Árbores e formacións senlleiras de Galicia, que foi presentada hoxe no xardín botánico-artístico de Padrón. Nela inclúense aquelas consideradas excepcionais debido ao seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural e interese científico; e que, polo tanto, as fan merecedoras dunha especial protección.

 

Esta publicación, que será actualizada periodicamente, inclúe fotografías de alta calidade e información detallada e doada de consultar, ademais de achegar os datos da súa localización. Ángeles Vázquez explicou que este documento non só será entregado a representantes e responsables dos lugares onde se atopan estas especies senlleiras, senón que tamén estará a disposición da cidadanía en formato dixital na páxina web da Consellería.

 

A maiores, a conselleira aproveitou, tamén, para reiterar o compromiso do Goberno galego coa preservación destes exemplares. Así, desde o ano 2020 destináronse 235.000 euros a axudas para accións de conservación e mellora do entorno, aplicación de tratamentos fitosanitarios, iniciativas de sensibilización ou execución de estudios. Precisamente, permanece aberta ata o 14 de xullo unha nova convocatoria de subvencións destinadas a seguir conservando, protexendo e mellorando as árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es