CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta consolida a súa aposta polos concellos emprendedores coa súa inclusión na futura Lei de áreas empresariais

Ángeles Vázquez salienta que no que vai de ano na provincia de Pontevedra a Xunta leva adxudicados sobre 157.000 m2 de solo industrial e o 92% desas adxudicacións están na Plisan
 

A nova Lei de áreas empresariais de Galicia é pioneira a nivel estatal e antes de que remate o este mes debaterase no Parlamento a súa aprobación definitiva
 

O obxectivo é dotar á Comunidade de espazos competitivos, funcionais e totalmente equipados

Vigo, 20 de setembro de 2022 O Goberno galego consolida a súa aposta polos concellos emprendedores coa súa inclusión na futura Lei de áreas empresariais, tal e como avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha reunión co tecido produtivo da provincia de Pontevedra, na que estivo acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

A conselleira salientou que con esta nova normativa o Goberno galego reforza o seu compromiso de colaboración coas administracións locais ao darlle rango de lei a esta iniciativa -posta en marcha en 2017 e que conta xa con 152 municipios adheridos­-, cuxo obxectivo, segundo lembrou a conselleira, é sumar esforzos a prol da reactivación e dinamización da economía e para contribuír á captación e fixación de investimentos para a nosa comunidade.

Nesa liña, a Xunta dará prioridade aos concellos emprendedores en ordes de axudas que se convoquen en réxime de concorrencia competitiva para impulsar o emprego, o comercio local ou proxectos relacionados coa industria. E, pola súa banda, os concellos achegarán ao tecido produtivo máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso a solo industrial e máis incentivos fiscais.

A maiores, Ángeles Vázquez incidiu en que esta nova lei complementa o esforzo que está a facer a Xunta para impulsar a implantación de empresas. De feito, no que vai de ano “na provincia de Pontevedra leva adxudicados sobre 157.000 m2 e o 92% desas adxudicacións están na Plisan”, aseverou.

Lei pioneira a nivel estatal

Durante a reunión, a conselleira puxo en valor a nova Lei de áreas empresariais de Galicia, pioneira a nivel estatal e cuxa aprobación definitiva se debaterá antes de que acabe este mes no Parlamento, e que busca axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo garantindo o equilibrio entre o uso sustentable do territorio e a actividade económica. O obxectivo é dotar á Comunidade de espazos competitivos, funcionais e totalmente equipados.

A nova normativa insiste na necesidade de garantir a conservación destas áreas para o que se inclúe a creación de entidades que velarán tanto polo mantemento das infraestruturas e servizos de ámbito como pola súa actualización e modernización.

A conselleira tamén fixo fincapé en novas figuras como as reservas estratéxicas de solo ou os plans estruturantes, que fixan os parámetros básicos de ordenación dunha área empresarial y cuxa tramitación máis áxil permitirá reducir de 21 a 9 meses a aprobación dun proxecto de urbanización.

A Lei de áreas empresariais será unha norma clave nun momento no que, logo de dous anos de pandemia, é necesario reactivar a economía galega, xerar emprego estable e de calidade e facer da Comunidade un territorio atractivo para que as empresas se implanten.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es