CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta comparte na comunidade valenciana a súa experiencia na xestión da disciplina urbanística

O director da APLU incide na necesidade de complementar as funcións de inspección, reposición e sanción con actuacións relativas á divulgación, formación, asesoramento e concienciación

Elxe (Alacante), 22 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia compartiu a súa experiencia na xestión de solo non urbanizable nunha xornada divulgativa e formativa organizada pola Agencia Valenciana de Protecció del Territori, na que participou o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas.

 

Durante o encontro, que tiña por obxectivo intercambiar experiencias sobre disciplina urbanística coa finalidade común de velar pola utilización racional e legal do solo, Jacobo Hortas puxo en valor o traballo desenvolvido pola APLU nos últimos 15 anos salientando os plans de inspección urbanística bianual.

 

Así, estes documentos, ademais de establecer as liñas xenéricas da actividade inspectora, determinan os obxectivos principais e as actuacións prioritarias para mellorar a calidade e eficacia da disciplina urbanística ao servizo da cidadanía e garanten a obxectividade e imparcialidade na actuación das entidades e organismos que exercen esa función.

 

Segundo engadiu o director da APLU, as operacións de vixilancia e inspección realízanse prestando especial atención aos territorios de concellos costeiros, de municipios con espazos naturais ou áreas de especial interese paisaxístico ou de espazos por onde transcorran as rutas dos Camiños de Santiago normativamente delimitados.

 

De cara ao futuro, Jacobo Hortas incidiu na necesidade de complementar as funcións de inspección, reposición e sanción con actuacións relativas á divulgación, formación, asesoramento e concienciación, así como na importancia da administración electrónica para axilizar a resolución dos expedientes.

 

Ademais, logo de salientar a importancia da proximidade entre as entidades responsables de velar pola disciplina urbanística cos concellos e coa cidadanía, o director da APLU apostou por unha imprescindible coordinación co poder lexislativo para contar con instrumentos normativos para mellorar a eficiencia do traballo destes organismos.

 

Nesa liña, Galicia conta na actualidade, entre outras, con ferramentas como a Lei do solo de Galicia, os plans básicos municipais, as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) o Plan de Ordenación do Litoral (POL) e está a preparar a que será a primeira Lei de ordenación do litoral da Comunidade.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es