CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta concede 800.000 € en axudas para apoiar os concellos no seu compromiso co ‘Fermosismo’

O Concello de Ares está a acometer a rehabilitación da antiga escola unitaria e dun lavadoiro na parroquia de Lubre, ao abeiro dunha achega da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a corrección de impactos paisaxísticos

Ares (A Coruña), 23 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia concedeu 800.000 euros en axudas para apoiar os concellos no seu compromiso co fermosismo galego a través da mellora dos impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos municipais, tal e como dixo o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, durante unha visita ao Concello de Ares, na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

 

Nesa liña, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeulle ao Concello de Ares -un dos 42 municipios galegos beneficiarios desta liña de axudas- unha achega de máis de 30.000 euros para a acometer a rehabilitación da antiga escola unitaria e dun lavadoiro na parroquia de Lubre.

 

Na antiga escola unitaria renovouse a fachada exterior coa aplicación dun chapado de pedra granítica pulida, unha solución tamén aplicada tanto aos muros como aos piares do peche do lavadoiro situado a escasos metros. Nese caso procedeuse á demolición das celosías prefabricadas de formigón e substituíronse as varandas por outras de madeira. Tamén se realizou un solado da mesma pedra empregada nos paramentos verticais, incluída a escaleira existente á que se lle engadiu unha nova varanda de aceiro.

 

Para concluír, o director do IET ratificou o compromiso do Goberno galego con esta medida pioneira e salientou que en 2023 se convocará por terceira vez esta liña de subvencións. Esta aposta polo fermosismo vese reflectida na partida orzamentaria de 5,5 millóns de euros coa que contará o Instituto de Estudos do Territorio (IET) o próximo ano.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es