CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia colaboran para facer máis accesibles as visitas aos parques naturais con intérpretes de signos

A Federación apoiará á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cun servizo de intérprete de lingua de signos tanto nos actos e eventos de carácter institucional como nas visitas guiadas de grupos a estes espazos naturais


Ambos organismos cooperarán para adaptar progresivamente á lingua de signos os vídeos institucionais aloxados na páxina web da Xunta dedicada ao patrimonio natural de Galicia, empezando polos seis parques naturais e o parque nacional

Tui (Pontevedra), 23 de novembro de 2022 A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG) colaboran co obxectivo común de facer máis accesibles as visitas aos espazos naturais da Comunidade poñendo á disposición de quen o necesite intérpretes de signos.

 

Así se recolle no convenio subscrito este ano entre a Federación e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e en virtude do cal, garántese un servizo de intérprete tanto nos actos e eventos de carácter institucional como nas visitas guiadas para facilitar a participación de todo o mundo neste tipo de actividades e que poidan gozar da experiencia de percorrer e coñecer os espazos naturais protexidos de Galicia da man dun guía especializado, garantindo unha comunicación real e efectiva entre persoas xordas, xordo-cegas e persoas oíntes a través de intérpretes de lingua de signos e guías-intérpretes para persoas xordo-cegas.

 

Así o avanzou esta mañá no Monte Aloia a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, no marco dunha visita durante a que estivo acompañada polo presidente da FAPXG, Iker Sertucha, e un grupo de membros de asociacións de diferentes puntos de Galicia, que visitaron o centro de interpretación do parque natural, onde puideron ver un vídeo promocional do Monte Aloia.

 

Tal e como explicou do Campo, no marco desta colaboración a Consellería está adaptar progresivamente á lingua de signos os vídeos institucionais aloxados na páxina web da Xunta dedicada ao patrimonio natural de Galicia para que as persoas que non se poidan desprazar fisicamente aos seis parques naturais cos que conta a Comunidade nin ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas teñan a posibilidade de descubrir, de xeito telemático, a súa riqueza paisaxística, ambiental e patrimonial.

 

De feito, nestes momentos hai xa máis dunha trintena de vídeos con intérprete de lingua de signos dispoñibles na referida web.

 

Segundo lembrou a directora xeral de Patrimonio Natural, o obxectivo da Xunta é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas aos principais espazos naturais protexidos da comunidade, así como a aquelas instalacións públicas destinadas a divulgar información sobre os mesmos (centros de interpretación e aulas da natureza).

 

De feito, Belén do Campo acompañou a un grupo de persoas xordas na visita que realizaron esta mañá, acompañadas de dúas intérpretes de lingua de signos, ao centro de interpretación do Parque Natural Monte Aloia, así como no percorrido que fixeron a continuación por este espazo protexido.

 

O Monte Aloia é o parque natural galego máis pequeno e o máis antigo, xa que foi declarado no ano 1978. Situado no límite sur da Serra do Galiñeiro, no concello de Tui, un dos seus grandes atractivos son as vistas panorámicas dos vales do Miño e do Louro, polo que resulta un destino moi interesante para os visitantes que busquen gozar da natureza e das actividades ao aire libre.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es