O obxectivo é apoiar a pequenas e medianas empresas no impulso de instalacións que axuden a implantar a recollida separada destes residuos e a darlles unha segunda vida
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia concedeu axudas por un importe global de 1,3 millóns de euros para contribuír á posta en marcha de novos proxectos e iniciativas destinados a fomentar unha correcta xestión dos residuos téxtiles na Comunidade entre 2022 e 2023.
A tal fin, a convocatoria prevía dúas liñas de actuación subvencionables. Por un lado, iniciativas tanto para construír novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles como para ampliar as xa existentes co fin de incluír nos seus procesos liñas destinadas a este mesmo fin. E polo outro, proxectos para a construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente.
Grazas a esta orde de incentivos búscase ofrecer unha resposta aos residuos que xera o sector téxtil en Galicia e á necesidade de pechar o ciclo dos materiais empregados por este tipo de empresas e que son consumidos polo gran público. Ademais, favorece a implantación efectiva na Comunidade da economía circular, favorecendo que os residuos se convertan en novos materiais que volven ao mercado para ter unha segunda vida.