Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023 Galicia participou esta semana na Launch of Community of Practice: Charter signatories, projects and Mission Board members, unha xornada de intercambio de experiencias celebrada en Bruxelas no marco da Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Unión Europea.
Neste encontro, a delegación galega compartiu proxectos e experiencias innovadoras con representantes de diferentes rexións europeas no obxectivo común de avanzar cara a resiliencia climática para 2030 e impulsar os esforzos de adaptación a través da participación da cidadanía no proceso de toma de decisións e do estímulo de investimentos públicos e privados.
Cómpre lembrar que Galicia foi seleccionada en setembro de 2022 para asinar a Carta da Misión de Adaptación, unha oportunidade de manter a posición de vangarda da Comunidade na loita contra o cambio climático.
De feito, o compromiso da Xunta cunha comunidade climaticamente neutra, verde e resiliente xa se plasmou coa aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e refórzase coa futura Lei do Clima de Galicia, cuxa remisión ao Parlamento está prevista para este ano 2023.