Entre xaneiro e xuño, persoal da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística realizará actividades lúdicas e pedagóxicas gratuítas nun total de 26 centros
A iniciativa enmárcase no Proxecto Terra, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio de Arquitectos de Galicia no ano 2000 para sensibilizar aos escolares sobre os espazos onde viven e a súa contorna
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2023.- A Xunta de Galicia xa comezou coas visitas informativas para concienciar á comunidade educativa sobre a protección da contorna por medio da actividade divulgativa Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu, posta en marcha por primeira vez no curso 2019-2020.
Ata o vindeiro mes de xuño, persoal da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) —concretamente, inspectores e subinspectores que desempeñan o seu labor en toda Galicia— continuará realizando obradoiros gratuítos nun total de 26 colexios das catro provincias. Deste xeito, o alumnado participante traballará de forma creativa analizando os elementos que compoñen a contorna paisaxística e afondando en conceptos como o patrimonio natural e construído, o medio ambiente, o cambio climático ou a pegada ecolóxica
As primeiras visitas xa se levaron a cabo durante o mes de xaneiro, concretamente, no IES Plurilingüe de Ames e no CEIP Rosalía de Castro, en Lugo, e continuarán desenvolvéndose ata xuño, estando programados para a segunda metade de febreiro obradoiros no IES de Ponte Caldelas, IES A Pinguela, en Monforte de Lemos, e o CEIP Fermín Bouza Brey, en Ponteareas.
O obxectivo do proxecto é que as novas xeracións interioricen e aprendan a realizar un uso sustentable, ordenado e responsable do territorio, entendendo este como un ben de toda a sociedade. Con este fin, en cada visita dous inspectores da APLU desenvolverán sesións adaptadas aos niveis e idades do alumnado de infantil, primaria e secundaria a través de obras teatrais para os máis cativos, traballo en equipo, xogos interactivos e sesións nas que se debaterá sobre como coidar do territorio.
Esta terceira edición da campaña caracterízase polo gran interese dos centros en participar xa que, aínda que se ampliou o número de prazas dispoñibles con respecto aos anos anteriores, pechouse con rapidez a fase de inscricións e varios colexios permanecen na lista de agarda.
Cómpre lembrar que Eu son inspect@r urbanístic@ é unha actividade enmarcada no Proxecto Terra, unha iniciativa de cooperación co mundo educativo impulsada no ano 2000 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio de Arquitectos de Galicia para sensibilizar e dar a coñecer entre os escolares aspectos relacionados coa arquitectura, o territorio e os espazos que os rodean desde unha perspectiva pedagóxica.
Nos seus máis de 20 anos de funcionamento converteuse nunha iniciativa afianzada e moi coñecida, con contidos útiles, actividades de interese e experiencias formativas para todas as etapas educativas ás que se dirixe.
A continuación, achegamos un cadro coa relación dos 26 centros participantes.
Nome do centro | Localidade | Provincia |
IES Plurilingüe de Ames | Ames | A Coruña |
EEI dos Ánxeles | Brión | A Coruña |
IES Camilo José Cela | Padrón | A Coruña |
CRA de Dodro | Imo - Dodro | A Coruña |
CEIP O Areal | Camariñas | A Coruña |
IES Virxe do Mar | Noia | A Coruña |
IES Félix Muriel | Rianxo | A Coruña |
CPR Jorge Juan | Narón | A Coruña |
CEIP López Ferreiro | Santiago de Compostela | A Coruña |
CEIP Joaquín Rodríguez Otero | Malpica de Bergantiños | A Coruña |
CEIP Rosalía de Castro | Lugo | Lugo |
IES A Pinguela | Monforte de Lemos | Lugo |
IES Poeta Díaz Castro | Guitiriz | Lugo |
EEI San Roque | Viveiro | Lugo |
CEIP Plurilingüe Concepción López Rey | O Cádavo (baleira) | Lugo |
CEIP Plurilingüe Virxe da Luz | Portomarín | Lugo |
CEIP de Baños de Molgas | Baños de Molgas | Ourense |
CEIP Mosteiro Bembrive | Vigo | Pontevedra |
CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón | Salvaterra de Miño | Pontevedra |
IES de Ponte Caldelas | Ponte Caldelas | Pontevedra |
CEIP Ramón de Valenzuela | Bandeira | Pontevedra |
CEIP da Cruz | Nigrán | Pontevedra |
CEIP Plurilingüe San Clemente de César | Caldas de Reis | Pontevedra |
EEI Taboexa | As Neves | Pontevedra |
CEIP Plurilingüe de Caldelas | Caldelas de Tui | Pontevedra |
CEIP Fermín Bouza Brey | Ponteareas | Pontevedra |