CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta salienta a mellora paisaxística que suporá para o concello de Cervo o acondicionamento da nova praza do Barrio da Atalaia

Ángeles Vázquez explica que esta actuación conta cun orzamento de máis de 535.000 euros, dos que a Xunta aporta o 70 % e o Concello asume o 30 % restante xa que se realiza ao abeiro do plan Hurbe

Cervo (Lugo), 18 de marzo de 2023 A Xunta salienta a mellora paisaxística que suporá para o Concello de Cervo o acondicionamento dunha praza que se está levando a cabo na rúa do Faro, no barrio da Atalaia, e que permitirá dotar a localidade dun novo espazo de lecer e punto de encontro para a veciñanza.

Segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita que realizou hoxe a esta contorna de San Cibrao, esta actuación supón unha aposta polo urbanismo responsable e polo fermosismo ao eliminar unha edificación que nunca foi habitada para substituíla por unha praza.
 
Ángeles Vázquez explicou que esta actuación conta cun orzamento de máis de 535.000 euros, dos que a Xunta aporta o 70 % e o Concello asume o 30 % restante, ao realizase ao abeiro do plan Hurbe, unha iniciativa a través da cal dende 2010 a Xunta mobilizou ao redor de 165 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.
 
Nesa liña, o proxecto pretende conservar os muros de contención do edificio, que, xunto cunha serie de piares, servirá de apoio para un forxado reticular que soporte o uso público e os elementos de xardinería. A decoración da praza terá como referentes a caza das baleas e a cerámica de Sargadelos. De feito, o novo muro e o banco corrido revestirase cun mural con restos de cerámica.
 
Ademais, o desnivel da zona noroeste salvarase cunhas gradas que permiten contemplar a zona arqueolóxica do outro lado da rúa.  Cómpre lembrar que a zona da Atalaia conta cun plan especial de protección pola existencia dun xacemento arqueolóxico correspondente a un asentamento de carácter histórico e de singular valor arquitectónico.
 
A conselleira tamén lembrou que o Concello de Cervo xa contou con financiamento do Goberno galego para actuacións urbanísticas como a remodelación da rúa do Faro -que se complementa coas obras que se están facendo na actualidade-, a humanización da contorna entre as rúas Calabadexo e Xosé Álvarez ou o acceso á avenida da Mariña.
 
Para concluír, e logo de incidir en que a Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando os municipios na execución deste tipo de obras, un 23 % máis que o orzamento destinado a tal fin en 2022, a conselleira lembrou que o Concello de Cervo tamén se acolleu ao fondo de cooperación cos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes para actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.
 
Así, recibiu préstamos sen xuros por preto de 660.000 euros para a adquisición de dez vivendas unifamiliares adosadas e varios edificios residenciais co obxecto de rehabilitalos ao abeiro deste fondo, que ofrece un extra de liquidez aos concellos para adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es