Os empresarios trasladan a súa preocupación pola complexa tramitación das axudas a nivel de edificio e de vivenda, financiadas con fondos europeos, e Heriberto García aclara que a regulación de ambos programas foi realizada polo Goberno de España
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2023 A Xunta de Galicia comunicou á Asociación española de fabricantes de fachadas lixeiras e ventás (Asefave) que ao abeiro da primeira convocatoria en 2022 dos programas de rehabilitación enerxética a nivel de edificio e a nivel de vivenda se concederon axudas para intervir sobre un total de 3.695 vivendas galegas por importe de 24.737.789 euros, financiados con fondos da UE a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.
No transcurso dunha reunión con representantes de Asefave, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, explicou que, en conxunto e grazas aos diferentes programas de rehabilitación no eido residencial financiados con fondos europeos, o seu departamento concedeu un total de 77,6 millóns de euros en axudas co obxectivo común de mellorar a eficiencia enerxética de 14.585 vivendas.
En concreto, no caso da liña de subvencións a nivel de edificio acadouse unha execución de preto do 95 % dos fondos, mentres que no das axudas a nivel de vivenda, a execución foi menor pero se concederon todas as solicitudes que cumprían os requisitos. Neste sentido, os membros da asociación expresaron a súa preocupación pola complexidade da tramitación das axudas de ambos programas e a incidencia que esta circunstancia pode ter sobre a demanda por parte de comunidades e propietarios.
Pola súa banda, o director indicou que a regulación destas subvencións —que se financian integramente con fondos europeos— foi realizada polo Goberno de España, que estableceu os requisitos que se deben cumprir para acceder ás mesmas e os trámites necesarios a cumprir sen contar en absoluto coas comunidades autónomas, polo que a Xunta non pode realizar cambios.
En calquera caso, Heriberto García fixo fincapé en que o balance en Galicia das convocatorias realizadas o ano pasado dos programas para actuacións de rehabilitación no eido residencial “non pode ser máis satisfactorio”, xa que globalmente se acadou unha execución de preto do 90%.
Así, a Xunta xa resolveu as convocatorias de 7 liñas de axudas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia acadando unha porcentaxe media de execución do 88,16 %. Ademais, os fondos remanentes incorporaranse ás convocatorias previstas para 2023.
En concreto, 2 dos programas executáronse ao 100 % e 3 remataron por riba do 90 %. Outro acadou o 86 %, mentres que o programa cunha menor execución foi o de nivel de vivenda, cunha demanda moi inferior á prevista. En calquera caso, no programa de vivenda concedéronse todas as axudas solicitadas que cumprían os requisitos.
En total o IGVS outorgou axudas para intervir sobre 14.585 vivendas por un importe global de 77.591.338,02 euros. No seguinte cadro indícanse os datos de cada un dos 7 programas, co número de inmobles beneficiados e o importe concedido en cada liña.
AXUDAS CONCEDIDAS | ||
PROGRAMA | NÚMERO VIVENDAS | IMPORTE € |
Programa de axuda á rehabilitación a nivel de barrio | 4.718 | 32.643.994,39 |
Programa de apoio ás oficinas de rehabilitación | * | 1.366.562,79 |
Programa de axudas ás actuacións a nivel de edificio | 2.541 | 21.577.887,26 |
Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas | 1.154 | 3.159.902,40 |
Programa de axuda á elaboración do libro do edificio e a redacción de proxectos de rehabilitación | 3.159 | 1.180.474,29 |
Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes (PREE) | 2.928 | 14.559.707,07 |
Programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios de reto demográfico (PREE 5000) | 85 | 3.546.097,43 |
TOTAL | 14.585 | 78.034.625,63 |
*O programa de apoio ás oficinas de rehabilitación non se cuantifica en número de vivendas
Por outra parte, o IGVS tamén xestiona o programa de construción de vivendas enerxeticamente eficientes para alugueiro, que se executa a través da construción de vivendas públicas por parte do propio organismo e a convocatoria de axudas para que promotores públicos e privados tamén poidan construír vivendas destinadas a alugueiro social en solo público.
Para este programa estaban previstas dúas transferencias de 29.225.000 euros. A primeira xa foi recibida pola Xunta e está integramente comprometida a través da convocatoria de axudas para promotores públicos e privados publicada o pasado 7 de febreiro, dotada con 8,4 millóns de euros, e dos convenios asinados pola Xunta e o Ministerio en 2022 para o cofinanciamento da construción por parte do IGVS de 499 vivendas de promoción pública en cidades. Neste caso, a Xunta financiará o 65 % do custo das promocións e o 35 % restante será cofinanciado con fondos da Unión Europea.