Sagrario Pérez mostrou especial interese pola investigación que realiza sobre materiais de construción sostibles, como, por exemplo, o desenvolvemento de novas formulacións a partir de residuos, biomateriais ou refugallos da construción
Culleredo (A Coruña), 23 de marzo de 2023
A Xunta de Galicia estuda vías de colaboración co Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim) para o desenvolvemento de iniciativas en materia de economía circular, segundo avanzou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático durante a visita que realizou ás instalacións do centro.
Cómpre lembrar que o Goberno galego leva anos traballando nesta materia e, de feito, nos últimos anos, aprobou a Estratexia galega de economía circular 2020-2030 e leis, elaboradas xa desde unha perspectiva circular, como é o caso da Lei de residuos e solos contaminados de 2021 ou a máis recente Lei de áreas empresariais, en vigor desde o pasado mes de novembro.
Así, a directora xeral salientou que a transversalidade das investigacións e dos proxectos que desenvolve o Cetim pode contribuír ao deseño de estratexias e ao establecemento de liñas de actuación de cara a acadar unha transformación real do actual modelo económico, que supoña a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos
Nesa liña, Sagrario Pérez mostrou especial interese pola investigación que realiza o equipo multidisciplinar deste centro tecnolóxico -composto, entre outros, por enxeñeiros, químicos, biólogos ou informáticos- sobre materiais de construción sostibles, como, por exemplo, o desenvolvemento de novas formulacións a partir de residuos, biomateriais ou refugallos da construción.
O Cetim é un centro tecnolóxico orientado a ofrecer servicios e a satisfacer necesidades tecnolóxicas, fomentando a innovación e a mellora da competitividade empresarial. Dispón dunhas instalacións de 2.000 m2 que inclúen 8 laboratorios -Química, Bioprocesos, Microbioloxía, Electroquímica e Baterías, Industria Dixital, Construción, Polímeros e Cámaras Climáticas - e 2 zonas para a operación de plantas Piloto.