CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta publica unha monografía dixital cos resultados dos traballos de censo e seguimento da poboación reprodutora de nove aves mariñas en 2022

As especies que foron obxecto de estudo ao longo do litoral galego e no Parque Nacional son o corvo mariño cristado, a gaivota tridáctila, a gaivota patiamarela, a gaivota escura, o gaivotón, o arao común, a pardela cincenta, o paíño europeo e a gabita

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024

A Xunta de Galicia publicou hoxe na súa páxina web unha monografía na que se recompilan os resultados dos traballos de censado e seguimento da poboación reprodutora dun total de nove especies de aves mariñas realizados ao longo do litoral galego.

A publicación enmárcase nos programas de seguimento das Estratexias mariñas de España para o período 2018-2024, un labor que ademais de ser preciso para a avaliación do estado de conservación das especies de cada territorio, permite dispoñer de información de base para o deseño das medidas de xestión necesarias para a súa protección, así como para valorar os resultados das accións desenvolvidas a tal fin.

Deste xeito, Galicia conta cun inventario actualizado sobre as poboacións reprodutoras de corvo mariño cristado (Gulosus aristotelis), gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), gaivota patiamarela (Larus michahellis), gaivota escura (Larus fuscus), gaivotón (Larus marinus), arao común (Uria aalge), pardela cincenta (Calonectris borealis), paíño europeo (Hydrobates pelagicus) e gabita (Haematopus ostralegus).

Algunhas destas especies foron incluídas na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) ou nos catálogos español e galego de especies ameazadas, polo que en aplicación da normativa básica de conservación do patrimonio natural, deben ser obxecto dun seguimento por parte das comunidades nos seus respectivos ámbitos, co fin de realizar unha avaliación periódica do seu estado de conservación.

Traballos coordinados co Parque Nacional

Os traballos para o seguimento destas especies efectuáronse durante o ano 2022 ao longo de todo o litoral galego e en coordinación co programa anual que desenvolve desde hai máis dunha década o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia para analizar a evolución das aves mariñas presentes nos catro arquipélagos.

De feito, a publicación reúne as conclusións de todos os traballos realizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural co mesmo fin durante o ano 2022.

Agás no caso do paíño europeo, do que existe aínda un importante descoñecemento sobre a súa distribución en Galicia, e no da pardela cincenta, que non foi censada no Parque Nacional en 2022, para as demais especies obxecto desta publicación realizouse un censo completo da poboación reprodutora na Comunidade no ano 2022.

Así mesmo, a información recompilada para cada especie (ou grupo de especies) aparece dividida en dúas seccións: unha referida ao censo da poboación reprodutora, e outra relativa á estima do éxito reprodutor, no caso de que este se teña avaliado.

Co fin de darlle a máxima difusión posible aos censos e datos dispoñibles, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición da cidadanía na súa páxina web esta publicación, con prólogo de Ángeles Vázquez e á que se pode acceder premendo neste enlace.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es