CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta aproba o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Navia de Suarna

Encarnación Rivas explica que será unha ferramenta fundamental para a súa ordenación territorial e para poder beneficiar aos arredor de 1.100 habitantes

Navia de Suarna (Lugo), 9 de febreiro de 2023

A Xunta de Galicia vén de aprobar de forma definitiva o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Navia de Suarna, que fixa as previsións que marcarán a evolución deste municipio nos próximos 20 anos.

Segundo explicou hoxe a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, é o primeiro planeamento urbanístico deste concello lucense, que ata o de agora se rexía polas disposicións xerais da Lei do solo de Galicia e o Plan Básico Autonómico. “Será unha ferramenta fundamental para a súa ordenación territorial e para poder beneficiar aos arredor de 1.100 habitantes que se distribúen en 20 parroquias”, engadiu Rivas.

Máis polo miúdo, este plan urbanístico, que foi aprobado por unanimidade por parte da Corporación local, supuxo estudar a totalidade da superficie do termo municipal -247 km2- dando como resultado que o 99 % do territorio de Navia de Suarna é solo rústico, mentres que o restante corresponde a núcleo rural e urbano. A maiores, o PXOM aprobado hoxe prevé máis de 36.000 metros cadrados para espazos libre e zonas verdes e máis de 56.600 metros cadrados para equipamentos comunitarios.

“O obxectivo é ordenar o territorio, clasificando o solo de forma equilibrada para mellorar a calidade de vida e a cohesión social dos habitantes aproveitando as potencialidades que ofrece o medio, de forma que se acade o desenvolvemento sostible do concello”, subliñou Encarnación Rivas.

A maiores, cómpre indicar que se remiten a plans especiais de protección tanto o casco histórico da Pobra de Navia pola súa riqueza arquitectónica e por localizarse aí o castelo da Pobra -recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC)-, como o núcleo singular de Peliceira.

Con esta aprobación, son xa 121 os concellos galegos que contan cun plan de ordenación municipal adaptado e acorde á normativa urbanística vixente.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: prensa.mot@xunta.es