ES0000258
19 de xuño de 2003.
Plan director da Rede Natura 2000. Decreto 37/2014
4.266 ha.
Ferrol, Narón e Valdoviño.
No norte da provincia da Coruña. Valdoviño é a poboación máis importante nas inmediacións do espazo natural, que ademais se encontra moi próximo á cidade de Ferrol.
A área correspóndese parcialmente coa IBA 005 “Costa de Ferrolterra-Valdoviño”, incluída no inventario de SEO/BirdLife (2012).
Colonias interesantes de aves mariñas, con Hydrobates pelagicus (posiblemente o mellor punto de cría de Galicia nas illas Gabeiras), Phalacrocorax aristotelis e algunhas pequenas colonias de Larus cachinnans. Nas illas Gabeiras localízase un importante dormitorio invernal de corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo). A avifauna de cantil inclúe o falcón peregrino (Falco peregrinus), andoriñón real (Apus melba), merlo azul (Monticola solitarius), choia (Pyrrhocorax pyrrhocorax), gralla pequena (Corvus monedula), e corvo grande (Corvus corax). Gran variedade de aves acuáticas e palustres nas lagoas e areais, incluíndo invernada de anátidas (a miúdo boas concentracións de patos, Aythya spp., aínda que en declive) e galiñolas, Fulica atra (tradicionalmente a mellor zona de invernada en Galicia), presenza invernal frecuente de abetouro (Botaurus stellaris), e tartaraña das xunqueiras (Circus aeruginosus), presenza de garza pequena (Ixobrychus minutus), en época de nidificación, etcétera. Único punto de cría regular en Galicia do pato frisado (Anas strepera), na Frouxeira. Invernada e, sobre todo, paso destacado de limícolas nas praias e na lagoa da Frouxeira, que constitúen unha área importante de parada migratoria para o pilro tridáctilo, Calidris alba, entre outras moitas especies. Cría de píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), nos maiores areais, con invernada na Frouxeira. Cría e paso de paseriformes de carriceira (folosas, Acrocephalus spp. e Locustella spp., escribentes das canaveiras, Emberiza schoeniclus). O areal da Frouxeira é un dos puntos de invernada do escribente das neves (Plectrophenax nivalis), máis regulares e importantes de España.