CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O procedemento de elaboración das directrices de ordenación territorial

Fito 1.- Inicio do procedemento de Avaliación ambiental estratéxica (AAE):

  • Documento de Inicio
    O proceso de AAE comeza coa elaboración, por parte da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, dun documento de inicio no que se recollen de xeito resumido os principais obxectivos e características da problemática á que pretenden dar reposta as Directrices de Ordenación do Territorio.
  • Consultas previas
    Para a redacción do documento de referencia, o órgano ambiental deberá identificar e consultar ás Administracións públicas afectadas e ao público interesado, establecendo un prazo de 30 días para que se acheguen as consideracións e suxestións.
  • Documento de referencia
    Nun prazo non superior a tres meses dende a validación da documentación de inicio, o órgano ambiental traslada ao órgano promotor o documento de referencia onde se establecerán as pautas e criterios a seguir no proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica das Directrices. No mesmo documento de referencia estableceranse tanto a amplitude, nivel de detalle e o grado de especificación do Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA) como as modalidades, amplitude e prazos de información e consultas, e incluirá ademais os criterios ambientais estratéxicos e indicadores dos obxectivos ambientais e principios de sostibilidade aplicables. O contido do documento de inicio e do de referencia é público http://aae.medioambiente.xunta.es

1.2. Preparación do documento para a Aprobación inicial:

O órgano promotor terá en conta o contido do documento de referencia na toma de decisións para a elaboración da versión preliminar das Directrices para a súa Aprobación inicial, a cal incluirá o Informe de Sostibilidade Ambiental (ISA) .

Fito 2.- Aprobación inicial

  • Informe preceptivo
    Ademais da anterior preparación, segundo o apartado 5 do artigo 10 da Lei 10/1995, o informe da Consellería de Economía e Facenda, (hoxe Consellería de Facenda) será preceptivo para a aprobación inicial das Directrices de ordenación do territorio. As Directrices de Ordenación do Territorio deberán presentarse no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.
  • Orde do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras de aprobación inicial, e publicación
    Será publicada no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial do Estado e en, polo menos, dous xornais dos de maior circulación na Comunidade Autónoma, e o seu texto íntegro seralles remitido á Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma e ás deputacións provinciais, así como aos concellos.
  • Participación pública e consultas
    Desde o momento da publicación do acordo de aprobación inicial no Diario Oficial de Galicia quedará aberto un prazo de audiencia de dous meses , dentro do cal as distintas administracións e entidades públicas e privadas poderán expoñer cantas observacións e suxestións estimen convenientes, quedando exposta a documentación das Directrices nos lugares que para o efecto se sinalen. Débese ter en conta que segundo o procedemento de avaliación ambiental estratéxica, o órgano promotor someterá a versión preliminar das DOT que inclúe o informe de sostibilidade ambiental, ás consultas definidas nos prazos e modalidades establecidas no documento de referencia e responderá motivadamente ás observacións e alegacións que se formulen e elaborará un documento de consultas no que se xustifique cómo se toman en consideración. Dada a integración de procedementos establecida no artigo 7 da Lei 6/2007, do 11 de maio, estas consultas faranse simultaneamente co período de audiencia de dous meses previsto no apartado 6 do artigo 10 da Lei 10/1995.

Fito 3.- Validación do proceso de Avaliación ambiental estratéxica: Memoria ambiental:

Finalizado o período de consultas e participación pública, e con carácter previo á aprobación provisional o órgano promotor enviaralle ao órgano ambiental a documentación completa do plan que tome en consideración o informe de sostibilidade ambiental, as alegacións e os informes presentados no período de consultas, así como unha proposta de memoria ambiental de conformidade co disposto no artigo 12 da Lei 9/2006, do 28 de abril. Deberá tamén enviar os informes sectoriais e un informe sobre o proceso de participación pública. O órgano ambiental, no prazo de tres meses desde a recepción da documentación, elaborará a memoria ambiental cuxas determinacións terán carácter vinculante e deberán quedar reflectidas no documento do plan que se aprobe provisional e definitivamente. Se transcorre o prazo para elaborar a memoria ambiental sen que lle fose comunicado ao órgano promotor, entenderase aceptada a proposta de memoria ambiental enviada ao órgano ambiental e poderase continuar a tramitación do plan.

Fito 4.- Aprobación provisional

  • Informe preceptivo
    Unha vez integradas do documento das Directrices as posibles determinacións da memoria ambiental do proceso de AAE, segundo o apartado 7 do artigo 10 da Lei 10/1995, será preceptivo o informe da Consellería de Económica e Facenda, (hoxe Consellería de Facenda) para que o conselleiro competente na dirección do procedemento proceda a outorga-la aprobación provisional ás Directrices.
  • Orde do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras de aprobación provisional e elevación ó Consello da Xunta
    O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ditará Orde de aprobación provisional das DOT, que elevará ao Consello da Xunta de Galicia e das que dará traslado ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación de acordo co disposto para os plans e programas remitidos pola Xunta no Regulamento do Parlamento de Galicia.
  • Traslado ó Parlamento
    O Consello da Xunta de Galicia dará traslado ó Parlamento de Galicia para a súa tramitación de acordo co disposto para os plans e programas remitidos pola Xunta no Regulamento do Parlamento de Galicia, de xeito que a Mesa enviará o documento á comisión competente, que designará a ponencia que o estude, e tralo debate na comisión, a correspondente proposta de resolución e debate en Pleno, darase traslado do Parlamento novamente ó Consello da Xunta.

Fito 5.- Aprobación definitiva

Decreto de aprobación definitiva polo Consello da Xunta e publicación
Ao remata-lo procedemento citado, o Parlamento remitiralle o documento á Xunta de Galicia, que o aprobará coa forma de Decreto e que será publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado.

Unha vez aprobadas as DOT definitivamente, a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe poraas a disposición do órgano ambiental, das Administracións públicas consultadas e do público afectado, xunto coa documentación especificada no artigo 14 da Lei 9/2006, de 28 de abril.

Fito 6.- Seguimento e control

De conformidade co establecido no apartado 11 do artigo 10 da Lei 10/1995, A Xunta de Galicia, unha vez ó ano, presentaralle ó Parlamento unha memoria na que se plasmará o estado no que se encontran as Directrices de ordenación do territorio.

Asemade segundo o establecido no artigo 15 da Lei 9/2006, do 28 de abril e no artigo 8 da Lei 6/2007, de 16 de maio, A Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, como órgano promotor das Directrices, realizará un seguimento dos efectos na sostibilidade da aplicación ou execución das DOT, no que o órgano ambiental poderá participar.

Corresponde á Consellería competente en materia de ordenación do territorio:

  1. A interpretación das Directrices de Ordenación do Territorio.
  2. Formular e tramitar os Plans Territoriais Integrados.
  3. Informar, con carácter previo a súa aprobación, os instrumentos de ordenación do territorio tramitados por outras Consellerías.
  4. Informar sobre o nivel de correspondencia co modelo territorial definido polas DOT dos Plans e Programas promovidos pola Administración do Estado, e polos organismos e as Entidades desta dependentes que incidan sobre o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.


As DOT terán vixencia indefinida. O Consello da Xunta de Galicia poderá acordar motivadamente a modificación das DOT. Considérase modificación a alteración do seu contido sempre que non altere substancialmente a estrutura básica do modelo territorial en cuxo caso procederase a súa revisión. O procedemento para a aprobación das modificación das DOT será o seguinte:

  1. Aprobación inicial pola persoa titular da Consellería competente en materia de ordenación do territorio.
  2.  Información Pública polo prazo de dous meses con anuncio publicado no DOG e dous xornais de maior circulación na Comunidade Autónoma.
  3. Remisión simultánea a Delegación do Goberno e as entidades locais afectadas.
  4. Aprobación definitiva polo Consello da Xunta de Galicia.
  5. Publicación no DOG.

 

Documento/s relacionados
  • Documento de referencia (formato PDF) Descargar  (178 KB)