A inclusión no Catálogo español de especies exóticas invasoras conleva a prohibición xenérica de posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos, dos seus restos ou propágulos que puidesen sobrevivir ou reproducirse, incluíndo o comercio exterior. Esta prohibición poderá quedar sen efecto, previa autorización administrativa da autoridade competente cando sexa necesario por razóns de investigación, saúde ou seguridade das persoas, ou con fins de control ou erradicación, no marco de estratexias, plans e campañas que, para ese efecto, se aproben e tendo en conta a relevancia dos aspectos sociais e/ou económicos da actividade á que afecten.
No ámbito competencial autonómico, estas prohibicións poderán quedar sen efecto, logo da autorización administrativa da consellaría competente en materia de conservación do patrimonio natural, á solicitude da persoa interesada.
Esta autorización outorgarase no prazo máximo de tres meses, contado desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, e entenderase desestimada por silencio administrativo logo de transcorrer o prazo máximo de resolución sen que se ditase e notificase a resolución.
Por outra parte, a disposición transitoria cuarta do Real Decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, establece que os exemplares das especies animais, en posesión ou adquiridos como animais de compañía, animais de compañía exóticos ou domésticos, ou situados en parques zoolóxicos debidamente autorizados conforme ao establecido na Lei 31/2003, do 27 de outubro, de Conservación da fauna silvestre nos parques zoolóxicos, que fosen adquiridos con anterioridade á súa inclusión no Catálogo, poderán ser mantidos polos seus propietarios, aínda que estes deberán informar sobre a devandita posesión ás autoridades competentes das comunidades ou cidades autónomas antes do 1 de xaneiro de 2022.
Estas autoridades establecerán, no seu caso, a obrigatoriedade da esterilización dos exemplares, así como sistemas apropiados de identificación ou marcaxe, como tatuaxe, crotal, microchip, anelamento e rexistro veterinario, entre outros, e solicitarán a sinatura dunha declaración responsable polo propietario que se axustará á definición incluída no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das admnistracións públicas.
Os propietarios deberán informar con carácter inmediato da liberación accidental destes exemplares e non os poderán comercializar, reproducir, nin ceder.
Como alternativa ao establecido anteriormente, as autoridades competentes facilitarán, en caso de solicitarse, a entrega voluntaria dos animais referidos. Esta entrega poderase realizar en primeira instancia, e de forma temporal, e mentres son recollidos polas autoridades competentes nesta materia, en puntos de venda de animais de compañía ou domésticos e núcleos zoolóxicos legalmente constituídos que poidan ser recoñecidos pola autoridade competente como habilitados para iso. Excepcionalmente, as administracións competentes poden autorizar e habilitar centros de recollida e mantemento con instalacións e terreos adecuados para o seu correcto confinamento e evitar o seu escape, cumprindo coas obrigacións de esterilización e identificación.
Aqueles propietarios ou parques zoolóxicos que en cumprimento da normativa vixente tivesen informado previamente sobre a posesión de animais de compañía, animais de compañía exóticos ou domésticos non necesitarán informar novamente.