CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Medio agrícola

O medio agrícola constitúe unha unidade ambiental na actualidade completamente integrada na paisaxe, que supón un hábitat imprescindible para determinadas especies. A agricultura e a gandaría tradicionais transformaron os ecosistemas naturais desde tempos remotos, orixinando un novo medio composto por elementos como sebes vivas, muros de pedra, aliñacións de árbores e árbores illadas situadas nos límites das parcelas e bordos de camiños, cultivos e pasteiros, bebedoiros, lavadoiros, muíños, etc. Na actualidade ás practicas de cultivo intensivo e os monocultivos están a producir unha perda destes elementos que teñen unha grande importancia ecolóxica pois constitúen ou hábitat de moitos animais e plantas, favorecendo a diversidade biolóxica.

A existencia dun medio agrícola diverso proporciona unha serie de vantaxes para o agricultor, entre elas protección contra o vento e o sol, principalmente para o gando; a existencia de determinados insectos (lepidópteros, formigas, abellas) que favorecen a polinización de plantas entomógamas, mentres que a comunidade de aves insectívoras e a presenza de quirópteros interveñen no control das poboacións de insectos prexudiciais para os cultivos.

Entre as especies que podemos atopar nestes ambientes atópanse mamíferos como o xabaril (Sus scrofa), o raposo (Vulpes vulpes), o ourizo (Erinaceus europaeus) ou diversas especies de morcegos (Eptesicus serotinus, Pipistrellus pipistrellus). A comunidade ornítica está integrada por unha boa cantidade de especies entre as que figuran como características deste medio a perdiz (Alectoris rufa), a cotovía (Lullula arborea), o picanzo vermello (Lanius collurio), a andoriña (Hirundo rustica), a rula común (Streptotelia turtur) ou o pardal montés (Passer montanus), entre outros.

En Galicia, como consecuencia do uso tradicional do medio agrícola, creáronse moitas paisaxes que resultan de grande importancia tanto desde o punto de vista etnográfico como ecolóxico: sosteñen cultura e biodiversidade. Algún exemplo destas paisaxes represéntano os soutos de castiñeiros (por exemplo os grandes soutos localizados na zona da Pobra de Trives ou no Courel), polo xeral nas proximidades de poboacións ou aldeas, ou a campiña arborada, onde se intercalan superficie cultivada, sebes arbustivas e manchas de vexetación arbórea.

As sebes vivas no medio agrocampestre

Como exemplo representativo de especies que configuran as sebes vivas, figuran algunhas como o estripo (Crataegus monogyna), o loureiro (Laurus nobilis), o abruñeiro (Prunus spinosa) ou a pereira brava (Pyrus cordata). Estas formacións, integradas por especies produtoras de froitos carnosos, constitúen un importante recurso trófico e lugar de acubillo ou descanso para numerosos animais, constituíndo tamén, en moitos casos, o seu lugar de cría.