As liñas eléctricas de alta tensión son unha causa potencial de mortalidade para moitas especies de aves, especialmente para aquelas de tamaño corporal mediano e grande. A crecente demanda de enerxía eléctrica leva ao incremento do número de liñas eléctricas instaladas no medio natural, co conseguinte risco de electrocución ou de colisión das aves nas ditas infraestruturas. A electrocución e a colisión nas estruturas de condución eléctrica están entre as principais causas de mortalidade non natural máis frecuentes na avifauna, ata o punto de supoñer actualmente o maior problema de conservación para diversas especies de grandes rapaces.
Para minimizar os efectos negativos sobre as aves das liñas eléctricas de alta tensión aprobouse o Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.
No artigo 4 dese real decreto establécese que cada comunidade autónoma publicará no correspondente diario oficial as zonas de protección para a avifauna existentes no seu territorio, incluindo dentro desas zonas de protección:
a) Os territorios designados como zona de especial protección para as aves (ZEPA), de acordo cos artigos 43 e 44 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade.
b) Os ámbitos de aplicación dos plans de recuperación e conservación elaborados polas comunidades autónomas para as especies de aves incluídas no Catálogo español de especies ameazadas ou nos catálogos autonómicos.
c) As áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local daquelas especies de aves incluídas no Catálogo español de especies ameazadas, ou nos catálogos autonómicos, cando as ditas áreas non se atopen xa comprendidas nas correspondentes aos tipos anteriores.
De acordo co previsto no artigo 4.2. do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, e tras informe favorable da Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade, a Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión, mediante a Resolución do 28 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (DOG nº 242, do 21 de decembro), e modificou posteriormente a delimitación desas áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión mediante a Resolución do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DOG nº. 187, 1 de outubro).
Desde a publicación daquela resolución tense recollido e analizado información sobre o uso do territorio de exemplares das especies de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e máis en concreto da aguia real (Aquila chrysaetos L.), que fan preciso actualizar novamente a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, aos efectos do previsto no artigo 4.2. do Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto.
Por este motivo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural elaborou unha proposta actualizada da delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión. Faise necesario, en consecuencia, modificar a delimitación existente.
O proxecto da presente resolución foi sometido o 23 de setembro de 2021 a procedemento escrito de consulta á Comisión Estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade non recibíndose ningunha alegación ou consideración ao proxecto dentro do prazo establecido.
Esta resolución deixa sen efecto a Resolución do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.