CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Resposta ante verteduras de petróleo

O petróleo e os seus derivados constitúen o alicerce enerxético fundamental da sociedade moderna. A xestión deste recurso leva consigo o seu transporte dende os países produtores ata os consumidores, sendo o transporte marítimo o máis rendible. Os accidentes que poidan producirse entón poden ocasionar importantes alteracións do medio mariño e a fauna e a flora asociadas a este.

A chegada do combustible á costa, debido ás correntes, a ondada e o vento, afecta directamente á integridade dos diferentes ambientes litorais, polo que cómpren actuacións de resposta ante este tipo de episodios. A ampla variedade de ecosistemas litorais exixe ademais un tratamento específico e adaptado ás características e aos requirimentos de cada un deles, todos fundamentais no que á conservación da nosa biodiversidade se refire, ademais de intervir no intercambio de biomasa e enerxía entre o medio terrestre e o mariño.

Dende que se leva realizando o transporte de petróleo por mar tiveron lugar varios accidentes importantes no noso territorio. Non obstante, non foi ata as sucesivas mareas negras ocasionadas pola catástrofe do petroleiro Prestige, no inverno de 2002-2003, cando a sociedade galega puxo atención real ás consecuencias destes sucesos.

Rescate de fauna

 Para a protección da fauna ante emerxencias por verteduras de petróleo está previsto seguir as seguintes fases:

1. Activación das unidades de acción.
2. Recollida de información: tipo de hidrocarburo, localización das manchas, partes meteorolóxicos, especies petroleadas observadas no mar e atopadas nas praias, o seu número, etc. Isto permitirá:

  • A identificación de ecosistemas e especies en risco inminente.
  • A estima da magnitude do problema.

3. Planificación das operacións de resposta

  • Identificación das accións de resposta máis urxentes.
  • Determinación e activación do sistema de recollida de aves, transporte, clasificación (inclúe a selección de tratamento a seguir), eutanasia e tratamento de recuperación (estabilización, lavado e recuperación da impermeabilización), todo de acordo con protocolos específicos.
  • Identificación e activación das instalacións e materiais necesarios para a asistencia á fauna mariña petroleada.
  • Previsión de gastos e liberación do orzamento de emerxencia previsto.
  • Activación do voluntariado
  • Avaliación do impacto
  • Información aos medios de comunicación

4. Control das operacións
5. Finalización das operacións

Instalacións de acollida de fauna petroleada

As tarefas de recuperación da fauna silvestre petroleada serán levadas a cabo por persoal especializado nos diferentes centros de recuperación de fauna silvestre (CRFS), así como en novos espazos creados para tal efecto. Ademais, existe tamén o posible apoio por parte do hospital veterinario da Fundación "Rof Codina" da Facultade de Veterinaria de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela.

Documento/s relacionados
  • Aves recollidas en Galicia con motivo do vertido do Prestige Descargar