CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Pita do monte (Tetrao urogallus subsp. cantabricus)

Descrición

Bastante grande, sobre todo o macho, que resalta pola súa plumaxe negra con reflexos verdes e azuis sobre o seu peito. As ás son acastañadas, cunha mancha branca moi evidente na zona da base. Cellas vermellas moi aparentes. A femia presenta cores crípticas, acastañadas ou arroibadas, moi apencadas.

Reprodución

Os machos, alá por abril, cando comeza a época de celo, inician unha corte moi complexa e rechamante. Exhíbense en certas áreas chamadas cantadeiros, ao tempo que realizan unha serie de voces e chamadas para atraer as femias. Incuban de 6 a 10 ovos colocados nun oco do chan ao pé dunha árbore. Os polos poden camiñar ao pouco de nacer.

Alimentación

Comen, durante a primavera, bagas, sementes, gromos e pequenos insectos. Durante o inverno, dependen case exclusivamente das follas e froitos dos acivros.

Hábitat

Habita fundamentalmente bosques mixtos de árbores caducifolias con copas abertas, con abundantes arandos no sotobosque.

Distribución

As poboacións desta subespecie, que sofren un declive continuado durante as últimas décadas, atópanse tan só nos ecosistemas forestais montanos da cordilleira Cantábrica. En Galicia aparecen exclusivamente nos montes dos Ancares, onde a poboación reprodutora se encontra practicamente extinguida.

Estado de conservación

As principais ameazas para a conservación desta especie en Galicia son a fragmentación e deterioración do hábitat, as molestias humanas nas áreas de reprodución e descanso e a depredación e competencia con outras especies silvestres.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Pita do monte Nome científico Tetrao urogallus subsp. cantabricus Clase Aves Familia Tetraonidae

Documento/s relacionados
Subir