CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Arao (Poboación nidificante) (Uria aalge)

Descrición

De tamaño medio, presenta as típicas cores dos pingüíns. A plumaxe nupcial ten as partes superiores e a cabeza de cor escura, case negra. Peito e ventre moi brancos. Prolongación da boca de cor negra.

En inverno, presenta unha raia alar de cor branca, garganta e meixelas tamén brancas e parte superior da cabeza de cor chocolate.

Reprodución

O niño apenas é un monllo de algas e ramiñas colocadas ao chou nun resalte do acantilado. O único ovo ten forma de pera, para que non rode cara ao mar.

Alimentación

A súa dieta está baseada en peixes e moluscos.

Hábitat

Esencialmente peláxico, só acode á terra para criar. En inverno recóllese en rías e estuarios máis protexidos, e incluso en portos.

Distribución

É unha das aves mariñas máis abundantes do planeta, mais na península Ibérica tan só nidifica en Galicia. Para iso emprega repisas en cantís rochosos e furnas na Costa da Morte, aínda que a finais do século pasado tamén nidificou nas illas Cíes e Ons e en Estaca de Bares. Fortemente ligada ás augas mariñas, onde pasa gran parte do tempo descansando e na busca de alimento (peixes peláxicos). Malia que é frecuente observar araos en augas galegas durante o inverno, estes proceden fundamentalmente de colonias de reprodución británicas e francesas.

Estado de conservación

Na actualidade sobreviven tan só 2-4 parellas reprodutoras, e non máis de 20 individuos durante a época de reprodución en Galicia, ameazados fundamentalmente pola mortalidade en artes de pesca e a contaminación mariña (especialmente os vertidos de petróleo). A caza abusiva xogou un papel importante no descenso das súas poboacións a finais do século pasado.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Arao (Poboación nidificante) Nome científico Uria aalge Clase Aves Familia Alcidae

Documento/s relacionados
Subir