CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Sapo-concho común (Emys orbicularis)

Descrición

Trátase dunha tartaruga de auga doce cunha cobertura algo abombada, de forma oval e cor escura, máis ancha na parte posterior e sen quilla nos exemplares adultos. A cobertura está formada por múltiplas placas unidas entre si mediante suturas, diferenciándose dúas zonas: unha dorsal e outra ventral, chamada plastrón. A súa lonxitude pode ir desde os 120 aos 250 mm, de cor negra ou castaña escura, con liñas amarelentas dispostas radialmente en cada placa. O plastrón é amarelento ou amarelo alaranxado, con manchas escuras.A pel que recobre a cabeza é lisa, de cor negra e con pintas amarelas; as patas teñen escamas grandes e lisas, cos dedos ben diferenciados unidos por membranas interdixitais e rematados nunhas uñas longas. A cola é bastante longa. Tamén presentan pintas de cor amarela.

Reprodución

Os apareamentos suceden en primavera. O macho en celo persegue as femias nadando e somerxéndose tras delas na auga. Montado sobre ela, somérxea por enteiro e mórdelle na cabeza mentres bota aire ou auga pola boca, emitindo así uns sons característicos. Os ovos (entre 3 e 16), brancos e alongados, son postos no verán nas beiras acuáticas dentro dun burato de 10 cm escavado pola femia.

Alimentación

Son carnívoros estritos e comen unha ampla variedade de animais acuáticos, como crustáceos, moluscos, insectos, larvas de anfibios e peixes.

Hábitat

Ocupan grandes masas de auga doce quieta ou de corrente lenta (lagoas, encoros, pantanos, ríos lentos), mais sempre con abundante vexetación nas ribeiras e fondo lamacento. Incluso pode encontrarse en estuarios e marismas de augas salobres, ou brañas e pradarías húmidas e empapadas.

Distribución

A distribución desta especie na península Ibérica é descontinua e moi fragmentada, e é moi rara en Galicia, onde só se confirmou a existencia dalgunhas pequenas poboacións en lugares illados do sur de Pontevedra e Ourense. Ocupa masas de auga doce con pouca ou nula corrente, con abundante vexetación acuática nas ribeiras. Descoñécese o número total de individuos presentes en Galicia, aínda que se cre que é moi reducido.

Estado de conservación

As principais ameazas de conservación son a alteración dos hábitats acuáticos, a captura de exemplares das poboacións naturais e a depredación e competencia que exercen dúas especies introducidas en Galicia (o sapoconcho de Florida, Trachemys scripta elegans, e a perca americana, Micropterus salmoides).

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Sapo-concho común Nome científico Emys orbicularis Clase Réptiles Familia Emydidade

Documento/s relacionados
Subir