CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Píntega común (Poboacións insulares) (Salamandra salamandra)

Descrición

A píntega común é un dos anfibios máis coñecidos do noso medio natural. É grande e de aspecto robusto, cun fuciño redondeado, ollos grandes e sobresaíntes. A pel do dorso e dos costados é lisa e brillante, con poros ben visibles. A cola é relativamente curta e cilíndrica. O tamaño que poden acadar, sempre maior nas femias, oscila entre os 120 e os 180 mm.

O seu deseño corporal é inconfundíbel: negro brillante con manchas amarelas dispostas de xeito diverso segundo os individuos ou a zona xeográfica que ocupen.

Reprodución

Os axuntamentos suceden case de forma xeralizada durante o outono, en terra e durante a noite. O macho deposita un espermatóforo piramidal, cos espermatozoides no seu cume, que pode ser gardado polas femias durante bastante tempo. A fecundación acontece no mellor momento, ás veces ata un ano despois da cópula. As femias son ovovivíparas, é dicir, paren as larvas xa formadas (normalmente 30 ou 40), unha a unha, en pequenos regatos, encharcamentos de mananciais, alí onde as augas sexan limpas e ben osixenadas.

Alimentación

Na súa dieta podemos atopar insectos, lesmas, caracois, miñocas, cempés e arañas. Todas as súas presas son animais lentos e que apenas voan.

Hábitat

Aínda que podemos atopar píntegas en case calquera parte, son as fragas húmidas e umbrosas o seu hábitat ideal. Sempre é máis doado observalas cando existan preto cursos de auga, e mesmo en hortas e pradarías. Adoita procurar refuxio baixo pedras, troncos, buratos en paredes, etc.

Distribución

Ocupa toda Galicia, moi abondosa especialmente no norte, centro e suroeste, máis escasa no resto. Tamén presente nas illas de Coelleira, Ons e Cíes.

Estado de conservación

Por mor das súas rechamantes cores e da secreción urticante da súa pel foi sempre un animal con moi pouca sona no noso país e mesmo vilipendiado. Aféctanlle a desaparición das carballeiras, soutos e fragas, así como os incendios, talas masivas, uso de pesticidas na agricultura e os vertidos nos cursos de auga.

Categoría de conservación

Se ben a maior parte das poboacións da nosa xeografía están aínda en bo estado de conservación, hai que salientar que a poboación residente nas illas Cíes está en perigo de extinción, e as poboacións das illas Ons, San Pelaio-Coelleira e San Vicente están catalogadas como vulnerables.

Nome común Píntega común (Poboacións insulares) Nome científico Salamandra salamandra Clase Anfibios Familia Salamandridae

Documento/s relacionados
Subir