CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Capricornio das aciñeiras (Cerambyx cerdo)

Descrición

Coleópteros moi frecuentes nos nosos montes, teñen un tamaño de ata 5 cm de lonxitude, sen contar as súas longuísimas antenas. A cor do adulto é castaña escura brillante. Na boca presenta unhas fortes mandíbulas, así como uñas nas patas, que lle axudan a trepar pola codia das árbores.

As súas larvas son de cor branca ou algo amarelada e posúen unha cabeza con placa córnea negra; superan o tamaño dos adultos, chegan a medir ata 9 cm de lonxitude. A pupa é grande e de cor, que vai escurecendo progresivamente.

Reprodución

A femia diferénciase do macho en que esta é un pouco maior e en que a lonxitude das súas antenas non supera o corpo.

Os adultos poñen os ovos principalmente no interior da codia das árbores enfermas (aciñeiras, sobreiras, abeleiras), onde logo se alimentarán as larvas, contribuíndo á morte da árbore. Durante dous ou tres anos realizan galerías nas árbores ata que se produce a pupación, tras a cal se desenvolven os adultos, que poden verse desde maio a agosto.

Alimentación

As larvas aliméntanse de madeira de Quercus spp., aínda que secundariamente poden alimentarse doutras especies como abeleiras, salgueiros, freixos, acacias, etc.

Hábitat

Desenvólvense sobre quercíneas, aínda que tamén se citou sobre outras frondosas como abeleiras, freixos, olmos, etc.; así e todo, nestes últimos casos non forman grandes poboacións. Máis raramente poden verse en cultivos.

Distribución

Zona holomediterránea, especialmente nas áreas máis cálidas. Encóntrase de forma moi dispersa por toda a península Ibérica en bosques de quercíneas (carballeiras, sobreirais, aciñeirais) e nas Illas Baleares. En Galicia parece estar restrinxido a áreas nas que existan formacións de aciñeiral, como a Serra da Enciña da Lastra ou as manchas existentes no Caurel.

Estado de conservación

A especie está amplamente distribuída e está dispersamente repartida. O tamaño poboacional é mediano e en franca regresión. Case todos os factores importantes que inflúen no tamaño e a distribución son coñecidos.

Os problemas para a especie están ligados á desaparición e/ou destrución do hábitat pola deforestación do bosque autóctono e a substitución por plantacións exóticas ou non idóneas para a especie. Ademais, o uso de insecticidas e o coleccionismo son factores que tamén ameazan este cerambícido.

Categoría de conservación

Vulnerábel.

Nome común Capricornio das aciñeiras Nome científico Cerambyx cerdo Clase Artrópodos Familia Cerambycidae

Documento/s relacionados
Subir