CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Cobra de colar (Poboacións insulares) (Natrix natrix)

Descrición

A cobra mellor coñecida do medio rural galego. Cabeza grande, ancha e ben definida, con grandes ollos. O corpo é groso, sobre todo nas femias. De tamaño mediano a grande, pode sobrepasar os 100 cm de lonxitude.A cor do dorso é habitualmente castaña, cinsenta ou averdada, aínda que tamén aparecen individuos avermellados ou mesmo azulados. Tamén son frecuentes os casos de melanismo.O ventre é branco, con manchas negras dispersas na rexión anterior e pescozo. O iris é avermellado, laranxa ou negro.

Reprodución

Teñen dous períodos de celo, un na primavera e outro no outono, aínda que este último non o fan todos os individuos e ten pouco éxito reprodutivo. Os apareamentos prodúcense entre abril e maio, e os machos perseguen incansabelmente as femias. As posturas prodúcense no verán e poden ser de até 100 ovos, que son depositados en lugares húmidos e quentes, como follaxe en descomposición e mesmo montóns de esterco.

Alimentación

Baséase fundamentalmente en anfibios, aínda que tamén consumen invertebrados, peixes e mamíferos de pequeño tamaño.

Hábitat

Non tan ligada á auga como a cobra viperina, é máis frecuente observala en terreos secos: toxeiras, uceiras, fragas caducifolias, campos de labor... Porén, o seu hábitat ideal semella ser as zonas de prados húmidos con herba densa e mato esparexido, sempre preto de auga.

Distribución

Presente en toda a nosa xeografía, desde o nivel do mar até os 1400 m de altitude nas nosas serras. Tamén aparece nas illas máis grandes das Rías Baixas.

Estado de conservación

Común e abondosa na maior parte da nosa xeografía, padece os típicos acosos dos seres humanos por mor da ofidiofobia característica da maioría da xente, nomeadamente no rural, a pesar de ser unha cobra completamente inofensiva. Tamén resulta afectada polos incendios forestais.

Categoría de conservación

As poboacións residentes nas illas Cíes e Ons están catalogadas como vulnerables.

Nome común Cobra de colar (Poboacións insulares) Nome científico Natrix natrix Clase Réptiles Familia Colubridae

Documento/s relacionados
Subir