CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Serpe riscada (Poboacións insulares) (Rhinechis scalaris)

Descrición

É un ofidio grande e robusto, de corpo musculoso. Cabeza ben diferenciada do corpo, cun fuciño prominente e puntiagudo moi característico. A cola é curta. Pode acadar unha lonxitude total de 120 cm.

Dorso e costados teñen case sempre unha cor amarelada, ocre, parda ou cinsenta. O deseño característico consiste en dúas liñas negras ou pardo escuras paralelas que percorren lonxitudinalmente o corpo do animal. Os subadultos presentan un deseño barrado perpendicular a esas liñas dorsais, o que lle confire o aspecto de escada.

O ventre é de cor branca, cinsenta ou marela, sen deseño nos adultos. O iris pode ser amarelo, castaño ou case negro.

Reprodución

Os apreamentos acontecen entre abril e xuño. As posturas realízanse en zonas húmidas e expostas ao sol, case sempre baixo pedras ou en galerías de micromamíferos.

Alimentación

Muda o seu rexime alimentario segundo medra. As crías comen insectos, lagartixas e crías de roedores. Os subadultos e adultos basean a súa dieta en roedores, polos de aves e mesmo gazapos. O método de captura é ao axexo, e despois procede a enrolarse arredor da vítima até que a asfixia.

Hábitat

Na Galicia sur aparece en todo tipo de hábitats, como bosques, valados, silveiras, piñeirais, campos de labor... Con todo, o seu lugar idóneo son as matogueiras soleadas con rochas dispersas. Nas zonas montañosas do interior tende a ocupar vales e abas orientados ao sur.

Distribución

Na metade sur de Galicia, de xeito irregular polas provincias de Ourense e Pontevedra. Pola costa acada as zonas do Monte Pindo, en Carnota, e en Lugo aproxímase á zona do Courel. Son moi salientábeis as poboacións insulares da Rías Baixas.

Estado de conservación

Moi escasa e pouco frecuente na maior parte da súa área de distribución galega. Perseguida como a maior parte das cobras e demais ofidios, padece tamén a acción devastadora dos incendios forestais.

Categoría de conservación

As poboacións residentes nas illas de Arousa e Cíes están catalogadas como vulnerables.

Nome común Serpe riscada (Poboacións insulares) Nome científico Rhinechis scalaris Clase Réptiles Familia Colubridae

Documento/s relacionados
Subir