Descrición
Planta herbácea, perenne, de 15-30 cm de altura, con cáudices bastante alongados, moi ramificados na maioría das plantas e recubertos de vellos pecíolos. As follas son opostas, dispóñense sobre o talo (sésiles) ou cun corto pecíolo. As flores, cun cáliz de cor purpúrea e unha corola composta por cinco pétalos enteiros de cor púrpura forte, están dispostas en cimas dicótomas terminais (dicaseos). O froito é unha cápsula que ten unha soa cavidade e as sementes son de cor negra, lisas e brillantes.
Demografía
O tamaño das poboacións é, nalgúns casos, moi reducido.
Hábitat
Vive ocupando as fendas e fisuras das paredes rochosas de forte pendente, e non superan os 800 m de altitude.
Distribución
Endemismo restrinxido ao Bierzo occidental; en Galicia está presente unicamente en afloramentos calcarios da provincia de Ourense (Parque Natural Serra da Enciña da Lastra).
Estado de conservación
A reducida área bioxeográfica da especie, así como o pequeno tamaño dalgunha das súas poboacións, son variables que ameazan a súa supervivencia. As explotacións de calcaria tamén supoñen un factor de ameaza alí onde vive a planta.
Categoría de conservación
En perigo de extinción.
Nome común Petrocoptis grandiflora Nome científico Petrocoptis grandiflora Clase Plantas superiores Familia Caryophyllaceae