CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Esgonzo ibérico (Poboacións insulares e da provincia de A Coruña) (Chalcides bedriagai)

Descrición

Semellante ao esgonzo común, pero co corpo máis curto (consegue tamaños de 60 a 89 mm), cilíndrico e groso. A cabeza é pequena, de forma cónica e un fociño redondeado. Os orificios auditivos son foxos oblicuos entre o pescozo e a cabeza. As extremidades, reducidas, teñen cinco dedos cada unha, máis longas as posteriores que as anteriores.

A cor do dorso é semellante ao bronce, cos laterais escuros, e o ventre de cor branca. Presenta pequenas manchas brancas cos bordos negros preto das patas posteriores.

Reprodución

O período de celo dáse ben entrada a primavera. É unha especie ovovivípara, é dicir, os ovos eclosionan dentro do corpo da nai, e os embrións desenvólvense nos seus ovidutos. Paren entre 2 e 3 crías a finais do verán.

Alimentación

Captura as súas presas baixo as pedras onde vive. Come, sobre todo, escaravellos, arañas e larvas de insectos.

Hábitat

Vive especialmente en zonas de dunas e zonas areosas do límite interior das praias, onde a vexetación dominante sexa a matogueira rica en toxos, xestas, camariñas... Busca acubillo baixo as pedras e vexetación morta.

Distribución

Especie endémica da península Ibérica, moi escasa e localizada en Galicia, onde só existen pequenas poboacións dispersas na costa atlántica e no interior da provincia de Ourense. Aparece tamén nas illas Cíes e Ons. Vive principalmente en zonas areosas costeiras, con vexetación de baixo porte. Descoñécese o tamaño das súas poboacións, a pesar de que se observou un importante retroceso nelas.

Estado de conservación

As poboacións residentes nas illas Cíes e Ons están en perigo de extinción. O resto das poboacións do noso territorio están catalogadas como vulnerables.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Nome común Esgonzo ibérico (Poboacións insulares e da provincia de A Coruña) Nome científico Chalcides bedriagai Clase Réptiles Familia Scincidade

Documento/s relacionados
Subir