CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Carrapucho (Chondrus crispus)

Descrición

Alga vermella de pequeno tamaño que apenas chega aos 20 cm (normalmente entre 7-10 cm). Os seus talos, de morfoloxía moi variable, presentan unha parte cilíndrica e outra plana; están ramificados dicotomicamente e son de cor vermella púrpura, tornando a amarelenta baixo a luz solar. As ramificacións son de 2-15 mm de anchura. Os gametófitos mostran a miúdo irisacións azuis.

Reprodución

Chondrus crispus presenta un ciclo biolóxico trixenético isomórfico que comprende tres xeracións: gametofítica (haploide), carposporofítica (xeración parasita) e tetrasporofítica (esporofítica diploide). Estes tres estadios son morfoloxicamente moi semellantes. No ciclo vital das rodofíceas non se producen en ningún momento células flaxeladas. O tetrasporófito xera esporas meióticas (tetrásporas), que poden ser masculinas ou femininas; a xerminación destas dará lugar a gametófitos haploides de cada sexo. É, polo tanto, unha alga dioica. Os gametófitos masculinos e femininos producen gametos inmóbiles que se fusionan para formar o carposporófito diploide, que se desenvolve sobre o gametófito feminino, de aí que se considere unha xeración parasita. Nel orixínanse carpósporas diploides que, ao xerminaren, darán lugar a un novo tetrasporófito diploide.

Hábitat

Habita o horizonte inferior do nivel mesolitoral, sobre as rochas e tamén en charcas.

Distribución

Atópase en todas as costas atlánticas de Europa e Norteamérica. En Galicia pódese encontrar en toda a faixa costeira.


Interese humano

Esta especie, igual que outras xigartináceas, é moi utilizada polas carraxeninas que contén. Na industria farmacéutica, estes polisacáridos complexos son empregados como antibióticos, anticoagulantes, antivirales, xaropes; en cosmética, para cremas, locións, pasta dentífrica; en alimentación, como emulxentes para cremas, xeados, leite concentrado, como aglomerante para pensos; no sector téxtil utilízase como material de apresto; en medicina, como laxante e emoliente, etc.

Recóllese entre maio e setembro, sendo as fases explotables a gametofítica e a tetrasporofítica.

Nome común
Carrapucho
Nome científico
Chondrus crispus
Clase
Algas
Familia
Gigartinaceae

Documento/s relacionados
Subir