CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Cuco común (Cuculus canorus)

Descrición

As partes superiores son de cor gris cinsenta uniforme, cunha tinguidura azulada, mentres que as inferiores son brancas e densamente barradas de escuro. A cola é longa, de cor negra ou gris lousa escura, posuíndo cada pluma catro ou máis manchas brancas. Os ollos son amarelos, o mesmo que o anel orbital, patas e pés. O peteiro é mouro e algo verdoso na base. Existe certo dimorfismo sexual. As femias posúen unha banda de cor pardo-avermellada no peito e presentan as partes superiores e o papo lixeiramente tinguidos de pardo. Ás veces as femias son completamente pardo-avermelladas, variedade da plumaxe que se denomina "hepática" ou simplemente "vermella". Os individuos xuvenís poden ser grises ou avermellados e presentan unha mancha branca na caluga.

O canto é un característico cú-cuu, que delata a chegada do cuco dos seus cuarteis de invernada.

Reprodución

O cuco non constrúe niño, posto que utiliza o doutra especie de menor tamaño, á que parasita. As especies ás que parasita son variadas: merlo (Turdus merula), paporrubio (Erithacus rubecula), pardal (Carduelis cannabina), azulenta (Prunella modularis), carriza (Troglodytes troglodytes), chasco común (Saxicola torquatus), etc. Cada macho emparéllase cunha soa femia, a cal se especializa nunha única especie de hóspede. A posta non adoita suceder ata a primeira semana de maio. Cada femia pon entre 12 e 15 ovos por tempada de cría. As postas son realizadas en series de 5 ovos distanciados 48 horas e cada serie distánciase da seguinte 3-6 días.

Alimentación

Baséase sobre todo en insectos e as súas larvas, pero trátase dunha ave extraordinariamente afeccionada a comer eirugas peludas de pequeno e grande tamaño pouco ou nada apetecibles para outros paxaros. Na súa dieta atópanse larvas de lepidópteros, himenópteros, dípteros, coleópteros, odonatos e efemerópteros, así como lombrigas, cempés e arácnidos. Algunhas veces consome os ovos retirados do niño do seu hóspede, e mesmo polos pequenos doutros paxaros.

Hábitat

Ave típica da campiña arborada, aínda que aparece nunha variada gama de terreos arborados ou arbustivos, desde o nivel do mar ata os 2.000 m de altitude.

Distribución

Especie transahariana que se distribúe por Asia e Europa. Neste último continente falta só en Islandia.


Interese humano

Especie beneficiosa polo seu alto consumo de insectos, sobre todo de larvas de especies daniñas para a agricultura e os cultivos forestais, como por exemplo a procesionaria do piñeiro (Thaumetopoea pityocampa).

Nome común
Cuco común
Nome científico
Cuculus canorus
Clase
Aves
Familia
Cuculidae

Documento/s relacionados
Subir