CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Lobo (Canis lupus)

Descrición

Tamaño semellante a un can pastor alemán, aínda que lixeiramente menor. Diferénciase dun can pola súa cabeza grande e arrondada, maseteres moi desenvolvidos, ollos oblicuos de cor dourada ou ámbar, unhas orellas máis curtas e un pescozo máis robusto.Son características desta especie as manchas brancas das meixelas, chamadas "bigoteiras", a liña escura das patas anteriores que ás veces chega ata o peito, ademais dunha pelaxe longa e escura en cola, pescozo e lombo.

Reprodución

Nos grupos estables, normalmente só copula a parella dominante, polo que só se produce unha camada por manada. Na Península Ibérica, o período de celo ten lugar entre finais de xaneiro e principios de abril, e tras 73 días de xestación prodúcense os partos, os cales teñen un tamaño medio de 5 crías (lobetos).

Alimentación

Na península Ibérica a dieta do lobo é moi diversa e varía nas diferentes rexións, aínda que existe un denominador común: depende claramente do gando doméstico e dos ungulados silvestres, especialmente do corzo e do xabaril. Na metade occidental de Galicia, unha zona cunha alta densidade de poboación, rexistrouse que o lobo acode moito a restos de galiñeiros e de granxas de porcos, así como a gando en xeral.

Hábitat

Aínda que é unha especie xeralista, o seu hábitat óptimo debe presentar unha densa cobertura vexetal (por exemplo breixeira alta) e escasa densidade de poboación humana, ademais de densas poboacións das súas presas potenciais preferidas (xabaril, corzo) e a presenza de gando doméstico. Ao contrario do que sucede noutros lugares de España, en Galicia vive en medios cunha alta densidade de poboación humana.

Distribución

Distribúese de forma continua pola maior parte de Galicia, a porción meridional de Asturias e Cantabria, a metade setentrional de Castela e León e algunhas zonas da Rioxa e do País Vasco. En Portugal hai lobos no extremo nororiental do país, sobre todo xunto á fronteira española.

En Galicia viven na actualidade a quinta parte dos lobos ibéricos. A distribución da especie na maior parte do noso territorio autonómico é continua, non detectándose fenómenos de fragmentación. A poboación galega de lobo ibérico está conectada co resto da poboación ibérica (Zamora, León, Asturias e norte de Portugal).


Interese humano

Trátase dunha das especies máis emblemáticas da cultura galega; non só deu orixe a numerosas lendas, senón que a súa constante presenza decidiu o nome de moitas localidades: Lobios, Serra da Loba, Lobeiro ou Lobelos son algúns exemplos de topónimos "lobeiros" cuxa orixe se remonta en moitos casos á época medieval.Ademais, o lobo constitúe un importante baluarte no equilibro dos ecosistemas naturais, ao ser unha especie situada no alto da cadea trófica.

Nome común
Lobo
Nome científico
Canis lupus
Clase
Mamíferos
Familia
Canidae

Documento/s relacionados
Subir