CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Morcego das ribeiras (Myotis daubentonii)

Descrición

Morcego de pequeno tamaño. O dorso é de cor parda avermellada a anegrazada e o ventre gris prateado con reflexos acastañados, o que lle dá un aspecto branco sucio. O fociño é de cor marrón avermellada e as orellas e as membranas alares son de cor marrón agrisada escura. As orellas, relativamente curtas, apenas chegan ao extremo do fociño se pregan cara a diante. Xuvenís de cor gris escura e cunha mancha negra no labio inferior.

Reprodución

O apareamento prodúcese nos meses de outubro e novembro; a ovulación e fecundación, na primavera. Paren unha soa cría ao ano, nos meses de xuño e xullo, cunha proporción de sexos de 1:1. As femias rematan de aleitar a finais de xullo, momento en que poden atoparse exemplares novos voando.

Alimentación

Consome principalmente dípteros, tricópteros, lepidópteros, tabánidos, coleópteros, efemerópteros e neurópteros, aínda que tamén incorporan á súa dieta algúns crustáceos acuáticos (cladóceros e ostrácodos), así como restos de peixes que aparecen frecuentemente nos seus excrementos.

Hábitat

A súa presenza está ligada a masas ou cursos de auga de carácter permanente, desde o nivel do mar ata os 1.500 m. Vive en bosques, parques, en xeral preto da auga, medio que utiliza para cazar. Como refuxios utiliza ocos de árbores, faiados, túneles, pontes, fisuras de paredes e, máis raramente, niños artificiais. Adoita desprazarse desde os refuxios ata os cazadoiros en lugares con auga (charcas, ríos).

Distribución

Atópase nunha ampla faixa centrada en latitudes medias ao longo de toda a rexión Paleártica. En España está amplamente distribuído. Parece menos abundante canto máis ao sur.


Interese humano

En xeral, os quirópteros constitúen un grupo de mamíferos altamente beneficiosos para o ser humano, posto que son:

Indicadores da calidade ambiental pola súa situación na cadea trófica.
Controladores das poboacións de insectos. Isto pode levar consigo unha redución da utilización de insecticidas.
As especies fruxívoras que viven nos trópicos son axentes polinizadores e de dispersión de froitos, función de especial importancia en áreas degradadas pola deforestación.
O estudo dos quirópteros en xeral podería ter consecuencias moi positivas de cara a implementar técnicas de sonar para axudar a xente cega ou a outros discapacitados.

Nome común
Morcego das ribeiras
Nome científico
Myotis daubentonii
Clase
Mamíferos
Familia
Vespertilionidae

Documento/s relacionados
Subir