CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Castiñeiro (Castanea sativa)

Descrición

Árbore robusta que pode alcanzar os 35 m de altura. A casca é lisa ao principio, de cor parda, e coa idade agreta lonxitudinalmente e vólvese castaño escura. Nos exemplares non podados a copa é ovada ou elipsoidal, moi ramosa e densa.

As follas son caducas, simple e serrado-mucronadas, de disposición alterna e con pecíolo curto, ás veces marcescentes e algo coriáceas. O limbo foliar mide 10-25 cm e é oblongo-lanceolado, de base cordada ou truncada, de cor verde brillante na face e algo máis pálido no envés. Nerviación pinnada, rematando os nervios nos dentes.

Flores masculinas reunidas en amentos erectos ou pendulares de 13-30 x 0,5-1 cm, de cor amarela na floración. As femininas localízanse na base dos amentos masculinos, reunidas en grupos de 3 a 5 e rodeadas por brácteas.

Froito en cúpula (ourizo) que alberga de 1 a 3 aquenios (castañas) de cor pardo-avermellada. O ourizo é de cor verde, está cuberto de espiñas longas e ramificadas e ábrese por 2-4 valvas.

Reprodución

Florece en maio-xuño, madurando os froitos en outono (setembro-novembro). A polinización é anemógama e parcialmente entomógama.

Hábitat

Habita lugares frescos de bosques caducifolios e sobre chans lixeiros e profundos de substrato ácido, desde o nivel do mar ata os 1.000 m. Encóntrase nos pisos colino e montano inferior e medio, en ombroclimas subhúmido e hiperhúmido. Igualmente atópase nos pisos mesomediterráneo e supremediterráneo en ombroclimas subhúmido e húmido.

Distribución

É unha árbore orixinaria do sueste de Europa e Asia Menor, aínda que algúns autores a consideran especie autóctona da península Ibérica. As investigacións xenéticas apuntan cara a unha orixe alóctona. En Galicia podémola atopar en todo o territorio, especialmente na metade oriental.


Interese humano

A madeira emprégase na fabricación de mobles e na construción. A produción de castaña ten unha grande importancia na zona oriental galega e o occidente leonés. Ademais dun importante produto alimentario, a castaña está arraigada na cultura do noso país, concretamente na gastronomía popular, xa que antes da chegada da pataca (Solanum tuberosum) desempeñaba o papel desta. Ademais, é unha árbore cun importante valor estético, posto que caracteriza en boa medida a paisaxe de Galicia na súa metade oriental. Tamén se emprega como ornamental en parques e xardíns.

Nome común
Castiñeiro
Nome científico
Castanea sativa
Clase
Plantas superiores
Familia
Fagaceae

Documento/s relacionados
Subir