CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Bico de coral (Estrilda astrild)

Descrición

Como todas as estrildas, son paxariños de moi pequeno tamaño (aprox. 10 cm). Son de cor parda agrisada, con peteiro vermello, cola longa e graduada e ás curtas e redondeadas. Os adultos presentan unha área facial vermella, ventre pardo cunha zona central avermellada, negro baixo a cola e unhas pequenas raias horizontais e escuras en flancos e dorso. Os sexos diferéncianse porque os machos posúen unha coloración vermella máis intensa que as femias en peteiro, peito e ventre. Os exemplares novos son dunha cor apagada, sen barras e co peteiro de cor parda.

Reprodución

Crían case todo o ano. Constrúen grandes niños. A parella participa na incubación dos 4-6 ovos da niñada durante un tempo aproximado de 11 días.

Alimentación

Aliméntanse de pequenas sementes, xeralmente de plantas gramíneas e compostas que complementan con insectos brandos e pequenos durante a ceba.

Hábitat

Vexetación palustre e ribeirá (carriceiras, eneas, salgueiros, canas, etc.).

Distribución

Oriúnda de África Central e do Sur, desde o sur do Sahara ata a República Sudafricana, incluíndo Madagascar, illas Mauricio e Santa Helena. Especie establecida en Galicia como reprodutora. É bastante sensible ao frío, polo que adoita estar presente en zonas con certa termicidade, xeralmente próximas ao litoral ou en vales fluviais (Miño, Budiño, Corrubedo, Dodro, etc.).

O primeiro rexistro da especie en España tivo lugar en 1986, cando se detecta unha poboación reprodutora en Estremadura. A partir dese momento, prodúcese unha notable expansión desta ave por toda a península Ibérica, ocupando principalmente hábitats palustres e áreas litorais de matogueira. En España, a súa poboación reprodutora estimouse recentemente nunhas 12.000 parellas.

En Galicia a colonización tivo lugar a partir da entrada de aves procedentes do norte de Portugal, onde existe un núcleo poboacional moi importante. Desde que fose observada por vez primeira na desembocadura do río Miño, a comezos dos noventa, a especie experimentou unha rápida expansión cara ao norte desprazándose sobre todo pola costa ata colonizar amplamente as provincias de Pontevedra e A Coruña. A través dos cursos fluviais tamén colonizou outras áreas do interior, como o canaval de Dodro (val do río Ulla). As maiores concentracións áchanse nas zonas húmidas. O tamaño da poboación estimada actualmente para Galicia sitúase arredor das 2.000 parellas.

Nome común Bico de coral Nome científico Estrilda astrild Clase Aves Familia Estrildidae

Documento/s relacionados
Subir