CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Galápago americano (Trachemys scripta)

Descrición

Trátase dunha tartaruga de 20-60 cm que presenta unha destacada mancha de cor vermella, alaranxada ou amarela en cada lado da cabeza. Ten unha cuncha negra abombada con raias verticais de cor marrón. A parte inferior da cuncha é amarela, sen manchas ou ben cunhas poucas de cor negra.

Reprodución

Cando chega a época de cría, entre abril e xuño, a femia cava pequenos buratos onde deposita ata 10 ovos. Cada femia pode realizar varias postas en cada tempada. A duración do período de incubación depende da temperatura; así, a 30-35 ºC necesítanse uns 60 días para a eclosión dos neonatos, que ten lugar ao final do verán ou na primavera seguinte coas primeiras chuvias. A supervivencia dos xuvenís é moi baixa debido aos predadores, mentres que os exemplares adultos adoitan vivir moitos anos.

Alimentación

Os individuos novos son omnívoros, consumindo desde pequenos animais ata plantas acuáticas. Os adultos son principalmente carnívoros, aínda que tamén se alimentan de animais mortos (necrófagos) e dalgúns vexetais.

Hábitat

Augas lentas ou estancadas, con fondo lamacento e abundante vexetación mergullada ou flotante. De vida acuática, aínda que sobe axilmente sobre obxectos da superficie para asomarse.

Distribución

Trátase dun galápago orixinario dos Estados Unidos, América Central e Sudamérica ata Brasil. Actualmente atópase introducida como especie reprodutora en moitos países de África, Asia e Europa. O primeiro rexistro en España data de 1983, mentres que en Galicia, ligada a medios naturais, coñécese desde comezos da década dos noventa, observándose en diversos tipos de medios acuáticos (charcas, ríos, encoros...). Actualmente distribúese amplamente por toda Galicia, e nalgunhas localidades (Pontevedra) confirmouse tamén a súa cría.

Nome común
Galápago americano
Nome científico
Trachemys scripta
Clase
Réptiles
Familia
Emydidae

Documento/s relacionados
Subir