CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Peixe vermello (Carassius auratus)

Descrición

É un ciprínido que raramente supera os 30 cm de lonxitude e os 2 kg de peso. A coloración do dorso varía desde o pardo oliváceo ao branco amarelado, cos flancos dourados máis claros. Ten un corpo moi groso cunha xiba, recuberto de escamas redondas bastante grandes e cunha soa aleta dorsal provista de tres raios espiñentos, o terceiro lixeiramente dentado. Existe un marcado dimorfismo sexual a nivel das aletas pectorais, o opérculo e o lombo.

Reprodución

A época de reprodución ten lugar durante a primavera e principio do verán. A desova prodúcese, dependendo da temperatura da auga, entre maio-xuño. As femias poñen entre 200.000 e 400.000 ovos, que depositan entre ramas e plantas acuáticas. A posta é posteriormente fecundada polo macho. A eclosión dos ovos sucede aos 3-8 días, de novo en función da temperatura da auga.

Na reprodución desta especie dáse un raro fenómeno de ximnoxénese, onde as femias poñen ovos que necesitan o estímulo do esperma dun macho doutra especie, resultando da eclosión individuos clonais da nai.

Alimentación

Dieta omnívora e bentónica moi variada, aínda que tamén incorpora elementos planctónicos. Come desde plantas acuáticas (principalmente algas) ata pequenos invertebrados como insectos adultos e as súas larvas, crustáceos e vermes que atopan no barro do fondo.

Hábitat

Gusta das augas pouco profundas de lagoas, estanques e ríos de corrente lenta, con fondos ricos en vexetación e de substrato brando, atopándose xeralmente nas beiras. Trátase dunha especie moito máis resistente que outros peixes, que pode subsistir en augas contaminadas, deficitarias en oxíxeno ou aguantar o rigoroso frío do inverno.

Distribución

É orixinario de Asia e Europa Central. Actualmente en España, distribúese amplamente de forma similar á carpa, agás nos ríos da vertente noroccidental-cantábrica (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco), e nos da vertente sur de Sierra Nevada e Serranía de Ronda. Presenza documentada en Galicia nos ríos Miño, Baixo Mero e Tea, aínda que parece estar máis amplamente distribuído nas nosas augas continentais.

Nome común
Peixe vermello
Nome científico
Carassius auratus
Clase
Peixes e Agnatos
Familia
Cyprinidae

Documento/s relacionados
Subir